<<

Lego The Lord of the Rings. Retorno

Na historia do Señor dos Aneis hai moitos tramas que suceden ao mesmo tempo, e todas son importantes para consecución da vitoria sobre Sauron. Non o investiguei con profundidade, pero semella que neste xogo podemos avanzar nelas na orde que desexemos, agás cando o ollo de Sauron están vixilando un camiño, xa que nese momento temos que trocar o seu foco a outra fronte. Pareceume unha idea moi boa, respectando o material orixinal, e algo que non tiña atopado noutras adaptacións lúdicas da obra de Tolkien, inda que me quedan moitos clásicos por probar.

Con outras mecánicas non simpatizo tanto, coma xa comentei nas entradas da semana pasada. A parte fundamental do xogo de derruír algo para construír outra cousa coas mesmas pezas limítase a situarnos no píxel máxico e pulsar o botón de acción. Hai outros casos nos que Gandalf pode empregar os seus poderes jedi (nótase que a versión de Star Wars precede a este e que roubaron a mecánica de alí) para mover as pezas nunha especie de Tetris tridimensional, pero os comandos non son bos e resulta algo frustrante. Para ser un xogo baseado nunhas pezas de construción, estas funcionalidades deixan un pouco que desexar.

Pero o peor de todo é a cantidade de bugs que hai no xogo. Xa me atopara con Bárbore voando, hobbits atrapados na parede e un Legolas brincando ao chou cando non debería. Pero nesta terceira parte tiven que reiniciar dúas misións porque non as podía completar. A primeira foi na escena na que Frodo e Sam disfrázanse de orcos: collín dous cascos con Frodo e non había maneira de darlle un ao seu compañeiro. A segunda foi no camiño do Monte do Destino: apañeime para chegar a un lugar ao que non debería ter acceso nese momento, e non podía nin avanzar máis nin volver atrás polo camiño normal. A razón foi que non se derrubou unha parte do escenario pola que pasara, de maneira que a plataforma na que aterrei quedou totalmente illada do resto do escenario.

Esta última misión o ten todo: unha boa idea no Frodo canso ao que Samsagaz tenlle que abrir camiño, o erro xa comentado, quebracabezas de premer o botón xusto, e unha pelexa contra Gollum na que temos que repetir a mesma secuencia catro veces. Cando todo remata, podemos volver ao mundo e completar todos os segredos do xogo. Ten o seu encanto e, de gustar máis do bucle principal, coido que intentaría desbloquear algo máis de contido. Pero acho que foi suficiente para min: collín un par de acadamentos máis e pechei o xogo até outra etapa. Supoño que o resto de videoxogos de Lego serán máis do mesmo, polo que tampouco teño présa en probalos.

  • Horas transcorridas: 8.
  • Personaxes desbloqueados: 30.
  • Mulleres desbloqueadas: 2 (6’7%).
  • Porcentaxe completada: 25’2%.
  • Xogos de palabras con Lego-las: 0.