<<

Final Fantasy II. Capítulo 3

Desta vez tiven que viaxar polo mundo do xogo no meu propio barco. Primeiro para salvar á princesa, que fora secuestrada; logo para reconquistar unha cidade, que fora tomada polo imperio; e por último para obter un poderoso feitizo, co que podería rematar có emperador En realidade, despois de pensalo un pouco, decateime de que o meu grupo non é máis que o brazo executor do reino de Altair. Fora da nave, paso a meirande parte do tempo percorrendo os camiños dos alxubes e pelexando nas súas loitas ao chou. Desgraciadamente, tanto os deseños coma o entretemento dos alxubes son bastante peores ca no primeiro xogo da saga. Algúns dos motivos que empuño para afirmar isto son:

  • Non hai diferenzas notábeis entre os diferentes alxubes, nin hai mecánicas novas dentro de cada un.
  • Poder gardar a partida en calquera momento e poder fuxir instantaneamente quítanlle moita tensión e esa decisión sobre continuar ou intentar volver á superficie.
  • Alex é capaz de curar feridas maxicamente e sacar puntos de maxia dos inimigos, polo que teño unha capacidade teórica de curación ilimitada, dunha maneira moito máis áxil que na anterior entrega.
  • Moitos non teñen nin un xefe final para ter un último momento interesante antes de saír.
  • Hai unha morea de portas que van a ningures sen ningún motivo.

Un par de detalles menores cós que tampouco simpatizo moito foron a manía que ten o xogo de botarme ao fondo dun alxube por sorpresa, e ese momento no que atopei a un vello amigo no nivel superior dunha torre de dez pisos. Tratábase dun feiticeiro branco que estaba agardando por min. Para chegar até el tiven que atopar unha máscara agochada debaixo dun castelo tras unha parede secreta nun continente, outra máscara nunha espenuca no medio do océano, e un cetro máxico noutro continente. Ao achegarnos co cetro á torre, tragounos un leviatán, dentro do cal atopei a moitos outros humanos, cós cadanseus cetros máxicos, que foron tragados pola mesma razón. Algún levaba alí máis dunha década.

Dalgunha maneira, Minwu, pois tal era o nome do feiticeiro branco, conseguiu chegar até a torre co seu cetro, subir até o décimo piso superando a todos os inimigos e acampar alí arriba até que finalmente chegaron os protagonistas. Nese momento, case sen saudar, gastou as súas derradeiras forzas en romper o selo que protexía o aceso ao feitizo definitivo, o Ultima. O obxecto apareceu coma un libro de feitizos máis, polo que entendo que llo podo aprender ao meu mago escuro, Alex. Polo de agora gardareino un pouco porque non o teño claro de todo.

Diría que a meirande parte do mapa xa a teño explorada, polo que ou ben aparece algo novo ou fica pouco do xogo. Xa veremos na seguinte entrada, que se cadra será a última, se viaxamos á lúa, o mundo tórnase ruinoso ou rematamos a partida.

  • Pasos dados: 37.000.
  • Puntos de vida de Rosala: 2192.
  • Palabras chave coñecidas: 12.
  • Horas transcorridas: 14.