Final Fantasy II. Capítulo 4
Para concluír con este último tramo do xogo tiven que pasear por tres alxubes bastantes grandes. Un par de veces ou tres escollín un camiño incorrecto que remataba nun tesouro que, normalmente, aumentaba as capacidades ofensivas ou defensivas dos meus personaxes. Rosala, a verdadeira protagonista para min, terminou coa forma final do emperador coa espada Masamune nunha man e un machado na outra. Pero contemos como chegamos até ese punto case final.
Co feitizo definitivo Ultima no peto, e coa axuda dunha serpe voadora, fun dereitiño a polo emperador. Tras percorrer todo o seu castelo e dar boa conta dos seus espirros, conseguín enfrontarme ao xefe do imperio. Non houbo moito desafío e pronto estiveron bailando os protagonistas no castelo aliado, festexando a vitoria. Despois de todo, non é unha verdadeira revolución se non podemos danzar.
Mais a aventura continúa, xa que o reino inda non está a salvo. O malvado cabaleiro escuro, que até o de agora estaba no servizo do emperador, decide proclamarse herdeiro do seu anterior xefe. E é entón cando descubrimos a súa verdadeira identidade: é Zapato, o irmán perdido de Rosala! Toca coller a nave voadora do recentemente finado Cid (na miña mente o vehículo chámase Babieca) e asaltar a fortaleza onde se refuxia Zapato. Un longo alxube máis tarde logro chegar até el, pero no medio da conversa reaparece o emperador saído dos infernos con ganas de facernos dano! O cabaleiro dragón que viaxaba connosco sacrifícase para que poidamos fuxir. Tristemente, ser o cuarto personaxe do grupo significa ter unha esperanza de vida bastante baixa neste xogo.
O seguinte paso é lóxico: recuperar forzas e baixar até o hades para rematar co emperador definitivamente. Temos que percorrer un par de longos alxubes cheos de poderosos monstros, ps máis perigosos dos cales áchanse dentro dos cofres que conteñen obxectos moi poderosos. Salientarei unha variña que equipei en Xog’on como arma, de maneira que podía curar feridas durante a loita de maneira masiva, gratuíta e rápida. A rapidez tamén foi a razón pola que deixei de empregar a maxia Ultima que lle aprendera a Alex: no nivel oito facía menos dano que o arco en xeral e levaba bastante tempo en facer toda a animación.
Esta Ultima tivo un papel menor na loita final co emperador, inda que si que lle intentei dar máis uso. Non tiven moito problema para derrotalo, principalmente grazas a Rosala, e puiden ver o emotivo epílogo onde os bos aledábanse da caída do imperio. Tamén hai algúns reflexos de todos aqueles que morreron durante a aventura, que non foron poucos. Ao rematar o xogo, desbloquéase unha nova historia onde podemos saber o que pasou con estes personaxes finados, mais tras ler o argumento na web non teño moito interese de xogalo polo de agora, porque tampouco aporta moito. Volverei entón no seguinte artigo cun xogo totalmente diferente!
- Pasos dados: 47.500.
- Puntos de vida de Rosala: 3459.
- Palabras chave coñecidas: 15.
- Horas transcorridas: 18’5.
- Trasgos asasinados: 369.
- Monstros derrotados: 71%.