Thunderstone: Dragonspire

O primeiro xogo de construción de mazos que xoguei foi o Dominion, e levoume a cabeza. A idea de ir montando a baralla como parte do xogo, tanto engadindo cartas novas coma mellorando ou eliminando as máis fébeis, pareceume unha xenialidade. Que as cartas de puntuación fosen inútiles polo xeral, tamén. E non vou desmerecer ese punto no que hai que trocar de mellorar o mazo a apañar puntos de vitoria, forzando o final da partida cando pensemos que temos a vitoria nas nosas mans; non é algo tan novidoso, e está presente en moitos xogos previos, pero resulta igualmente interesante e está ben integrado co resto das mecánicas.

Escribiuse moito sobre este xogo, principalmente porque foi publicado nun tempo no que os xogos aproveitábanse ben e non eran simplemente material de colección; non hai máis ca comparar os foros da BoardGameGeek deste xogo, nos que hai moitos debates de estratexias, contra os de calquera outro xogo de moda deste ano, onde case todos os fíos tratan sobre dúbidas de regras ou como gardar todos os compoñentes que veñen na xigante caixa. E de todo o que se escribiu, eu lin boa parte após as miñas primeiras partidas. Axudoume a comprender mellor todo o sistema, e tamén a identificar as posíbeis estratexias gañadoras dunha partida concreta. Dalgunha maneira isto tamén rematou con boa parte do meu interese polo Dominion, xa que as súas carencias tornáronse moito máis aparentes.

Dende entón saíron moitos xogos con esa mecánica central, e eu probei algúns deles. Un bo día adquirín o Thunderstone: Dragonspire, que mesturaba a parte de actualizar a baralla cun sinxelo sistema de combate contra uns monstros nun alxube, sendo estes a maneira principal de outorgar puntos de vitoria. Contaba ademais cunha variante para xogar en solitario, polo que entroume ben polos ollos. Sabía desta maneira que podería adicarlle parte do meu tempo libre sen necesidade de máis xogadores, e sempre é un punto favorábel para os que tentamos procurar entretementos fóra das moitas pantallas dixitais que inundan as nosas vidas.

O modo en solitario non me chegou a convencer moito, e as partidas a dous xogadores semellaban pouco interesantes tamén. Pero o outro día tiven a oportunidade sacalo para xogar a tres bandas. Xeramos unha partida ao chou que incluíu, por mor da ambientación, un cuarto xénero de monstros. Isto provocou que, tras a explicación inicial das regras, tomásemos case dúas horas en rematar a partida, facéndose longo. Tampouco axudou á axilidade que moitos inimigos repartisen cartas de enfermidade e non houbese unha boa resposta dentro da aldea. As cartas de trampa foron mal recibidas, igualmente.

Ao rematar a partida, ofrecín de balde o xogo aos dous rivais dese día, xa que non fiquei moi contento nin desta última partida nin do recordo das anteriores. Non obstante, ao día seguinte xa non me importaba tanto botar outra partida se os demais quixeran, recordando un pouco mellor o que tiña aprendido da investigación do Dominion e que non aplicara de todo ben neste encontro. Certo é que este Dragonspire ten carencias e erros que rebaixan a experiencia: algunhas interaccións non semellan claras, hai grallas claras en certas cartas e o cálculo matemático para as loitas é unha zarangallada. Con todo, agora mesmo aceptaría xogar outra partida, admitindo a posibilidade de ficar defraudado outra vez. Ou tamén escoito ofertas polo material para desfacerme del. O que queirades.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.