<<

Rocketbirds: Hardboiled Chicken

Un amigo deixou unha boa crítica deste Rocketbirds en Steam. A única contra que mencionou foi que o xogo non tiña ningunha dificultade, polo que decidín comezalo no modo difícil para ter algo de desafío. Pode que non fose a mellor das ideas, pero non me arrepinto de telo feito. O problema vén de que semella que o xogo non está preparado para esta dificultade: moitas escenas resultan nunha morte instantánea e superalas depende máis de repetir o caos unha e outra vez ca en saber facer o que corresponde.

Os controis tampouco axudan moito nos momentos de acción extrema. Cando o protagonista atópase de xeonllos, a única posición que garante algunha posibilidade de non morrer no devandito caos, os desprazamentos son bastante inflexíbeis e tentar trocar de sentido dos disparos non sempre funciona como esperamos. Fóra dos momentos de acción pouco máis temos que facer que correr, saltar e subir e baixar en elevador. Hai moitos elevadores por todos os lados e son un fonte recorrente de quebracabezas baseados na navegación.

Os quince niveis teñen un deseño gráfico salientábel, e son intercalados con escenas debuxadas onde avánzase a trama ou onde explícase a historia previa do galo protagonista, e como chegou a ser o asasino que é cando comeza o xogo. A historia é interesante, por moito que sexa previsíbel, e atópoa ben contada. O tema da opresión e posterior revolución contra un sistema autoritario está moi visto, pero non por iso deixa de ser relevante e, dalgunha maneira, inspirador. E se os malos son pingüíns, pois xa temos unha pequena novidade para que pague máis a pena.

Outra cousa que me gustou, e non tendo a falar dela, foi a música. Gozo moito cando un xogo corre o risco de mesturar cancións con letra dentro da súa banda sonora, e neste caso quedou moi ben. Recórdame, máis polo seu significado ca polo seu estilo, á do Steamworld Heist; o No More Queen deste é un momento que sempre lembro pola súa forza e emoción no momento preciso. Ambas bandas sonoras están dispoñíbeis en internet, polo que podedes escoitalas nas vosas plataformas de confianza. Ou se pasades preto da miña ducha. Illuminate me so I may see the light…

En xeral foron tres horas e media entretidas. Os momentos frustrantes pola dificultade que eu mesmo escollín pasaron rápido, xa que os puntos de autogardado son abundantes. O humor funciona ben tanto nas escenas entre capítulos coma no fluxo activo mediante burbullas de texto. É un pequeno problema que esas burbullas avancen lentamente, ante todo cando tes que esperar por elas para avanzar no xogo, pero tampouco son demasiado frecuentes. O xogo non transcenderá polas súas mecánicas, mais é axeitado para a duración que ten. Ao igual que o meu amigo en Steam, eu tamén o recomendaría cunha mensaxe similar á súa.