<<

Titan Quest Anniversary Edition. Acto 2

Quizais non fun amábel de todo con este xogo no anterior artigo. A verdade é que estouno a pasar ben aniquilando monstros mitolóxicos coas radios de contidos lúdicos de fondo. Desta vez vou mencionar a GMS Magazine, do que atopei os seus vellos capítulos en castelán tras varios anos de escoitar a Paco en inglés. Son todos moi recomendábeis, especialmente cando falan de temáticas delicadas coma a representación de minorías étnicas ou diversidade sexual, inda que confesarei que algúns os teño saltado por atopar problemiñas de son nalgún dos colaboradores ou entrevistados.

Xa no mundo do Titan Quest, após percorrer os mitos gregos no primeiro acto do xogo, chegamos aos desertos do Exipto. As semellanzas desta parte coa equivalente do Diablo 2 son moi abundantes: dende toda a area até as tumbas do final do acto, pasando por boa parte dos inimigos comúns contra os que loitamos. Á historia deixeille de prestar atención aos quince minutos de comezar, polo que aí non podo comparar nada. Do que si podo falar con máis sabedoría é sobre os obxectos que soltan os monstros. Notei certa melloría na calidade dos mesmos e xa desentrañei que os únicos levan a cor azul, pois xa levo un par deles enriba, con outros gardados no almacén xeral para outro tipo de personaxe. Un almacén, que ademais de ser xeneroso en espazo, tamén ten unha área para compartir directamente con outros dos meus futuros personaxes. Inda teño un bo camiño por diante con esta Xiana, pero xa é tentador imaxinar que lle quedarían certos obxectos a outras clases.

Un detalle destacábel dos inimigos é que o seu tamaño é proporcional ao seu nivel, polo que podemos identificar dunha ollada aos máis perigosos dun grupo. Tamén podemos detectar visualmente os obxectos que cargan porque forman parte do seu modelo tridimensional, e estes serán os mesmos que atopemos no chan unha ver que o exterminemos. Moitas veces nin veremos o nome dese lixo no chan porque o xogo inclúe un filtro para non amosar os obxectos non máxicos, que deixan de ser interesantes tras os primeiros compases do xogo. Ocórreseme unha idea, quizais para un deses roguelikes dunha semana, que trate sobre todo ese lixo mesturado con cadáveres que fica tralo paso dos sanguinolentos heroes.

Inda non escollín unha segunda mestría para a miña cazadora especializada en lanzas, un tipo de armas moi habitual neste xogo e que ten nomes mil, polo que a miúdo recollo obxectos como frameas, kontos ou labrises para saber se son lanzas ou non. Respecto aos puntos de característica, sigo repartíndoos entre destreza e forza, mentres que os puntos de habilidade continúan mellorando as habilidades que xa estaba empregando, sen aprender nada novo polo de agora. As posíbeis opcións para a outra mestría son variadas, pero tendo en conta que non puxe punto ningún en enerxía, coido que iso xa descarta as opcións máis máxicas. Seguramente tirarei por máis melloras aos ataques corpo a corpo, á defensa e/ou algún espirro ás miñas ordes para que os inimigos poidan entreterse con algo mentres Xiana da boa conta deles.

  • Horas transcorridas: 10’5.
  • Maior dano causado: 275 (non superei o do acto anterior!).
  • Monstros derrotados: 4973.
  • Mortes: 1.
  • Nivel: 22.