Titan Quest Anniversary Edition. Acto 3

Non tardei moito neste terceiro acto en caer finado ante unhas arañas; foi nada máis chegar aos xardíns de Babilonia. Pouco máis adiante decidín escoller “guerra” coma segunda mestría para Xiana, que mesturada con cazaría dan lugar ao rol de executora. A razón principal foi que mellorará o meu dano e tamén ten unha habilidade en área que quizais sexa útil, xa que é un dos ocos no meu arsenal ofensivo. Pero, polo de pronto, non cambiou nada o meu estilo de xogo, xa que só obtiven unha habilidade activa e é a que substitúe ao meu ataque básico. Todo isto mentres escoitaba falar entre eles á tripulación de Burán, que non ten que moito que ver con xogos mais recoméndoo tamén dende aquí.

Dende Babilonia fun correndo por riba da Gran Murella Chinesa até o interior desa rexión. Os inimigos empregan os mesmos modelos en moitos casos que os seus veciños do acto anterior, pero os escenarios son bastante máis interesantes e diversos que no mar de area: bosques variados, montañas, terras chás, arrozais, etc. Todo remata converxendo no Olimpo, pechando o viaxe que comezou que comezou na Grecia clásica, onde temos a pelexa final do acto contra un titán! Typhon, pos tal é o seu nome, atópase nun lugar moi aberto onde haberá a loita entre el e Xiana até que algún dos dous morra! Realmente até que el morra, porque Xiana caeu varias veces en combate deixando unha bonita campa tras ela. Por sorte, non semella que o titán recupere moita vida mentres fago de novo o camiño de volta ao seu lar. Desgraciadamente, os templos que hai alí e que nos axudan na contenda, non se volven a activar, polo que perdemos unha boa oportunidade.

Cando din boa conta do titán conseguín acceso ao cuarto acto. O primeiro que fixen foi mercar unha nova lanza, subindo lixeiramente o meu dano-por-segundo. Non semellaba suficiente mellora, polo que lle adiquei algunhas sesións de xogo a procurar máis obxectos interesantes no corpo de Typhon. A medida que melloraba o equipamento, o nivel e a estratexia, tardaba cada vez menos en facer unha carreira até o titán co obxectivo de obter máis equipamento e experiencia. Recordades o que dicía da caixa de Skinner a semana pasada? Pois iso mesmo. Sen vergoña. E gozando cada iteración, claro.

Este plan de mellora foi debida a que lin que hai unha subida de dificultade no cuarto acto e que rematei o terceiro con moito menos nivel ca media: 29 contra 33. Agardo que a última parte desta primeira volta polos catro actos (hai un total de tres voltas, coma no Diablo) non mude a xogabilidade para ter que atraer a todos os inimigos un a un, intercambiar golpes e lapar poción curativa tras poción curativa para manternos con vida. Polo menos hai unha cuestión do sistema das pocións que está ben pensado, inda que eu non sexa moi fan delas en xeral: tras cada chingo obtemos unha subida instantánea da nosa vida, e logo un incremento da rexeneración durante o tempo no que non podemos tragar outra. Desta maneira hai que vixiar tanto a vida coma aos inimigos e o temporizador de uso para maximizar as nosas opcións de supervivencia.

Estatísticas ao rematar o acto:

  • Horas transcorridas: 15’5.
  • Maior dano causado: 631.
  • Monstros derrotados: 7991.
  • Mortes: 6.
  • Nivel: 28.

Estatísticas despois da colleita:

  • Horas transcorridas: 17.
  • Maior dano causado: 1189.
  • Monstros derrotados: 8671.
  • Mortes: 8.
  • Nivel: 30.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.