Titan Quest Anniversary Edition. Acto 4

Ao pouco de comezar o acto obtiven unha fórmula para montar un artefacto maior. Só precisaba algúns compoñentes que podía obter cazando demos e felinos dentes-de-sabre; inda que tería que ofertar o artefacto menor que levaba enriba. Fíxeno mentres escoitaba Vis Ludica, e foi unha mala idea (o de ofertar o artefacto menor, non o de escoitar Vis Ludica, que sempre é divertido). Non me decatara que o obxecto resultante non era nada útil para Xiana, a miña executora particular. Esa foi unha das moitas malas decisións que tomei respecto ao equipamento neste acto, pero o de “artefacto maior” e os obxectos únicos con nome propio semellaban ser máis interesantes có “artefacto menor” e ca outros obxectos raros, inda que estes eran máis efectivos en moitos casos.

Por sorte, toda a preparación que fixen ao final do acto anterior pagou a pena e compensou dalgunha maneira os meus ditames sobre o arsenal. Puiden avanzar a boa velocidade por esta nova parte e os inimigos bicaban o chan a bo ritmo. Algo que agradecín foi que estes inimigos son case todos membros claros das forzas do mal. No resto dos actos masacrei moitos animais, trogloditas e outros seres que seguramente non tiñan nada que ver cos obxectivos loábeis do xogo. Tampouco é que atendese moito a historia do xogo, pero polo menos recordo que no Diablo 2 si que todos os inimigos ou ben eran malos ou foron corrompidos sen máis remedio ca morte. Agardo que, inda que só sexa pola miña conciencia, houbese algunha boa razón para que as tartarugas xigantes fosen tan agresivas e tivese que calmalas a base de hostias.

Desta vez volvemos á Grecia clásica, pero desta vez á zona máis focalizada nos infernos con Caronte, Perséfone e Hades, que fai as veces de xefe final deste cuarto acto, que foi publicado coma expansión ao xogo base. Esta última pelexa foi bastante interesante, con tres fases ben diferenciadas, inda que as dúas primeiras non presentaron moito desafío. Na últilma, Hades alternaba entre varios ataques a distancia, o que me obrigaba a estar sempre en movemento. Un deles é unha onda xélida que me eliminaba boa parte da barra de vida. Recibín dúas desas consecutivamente e, onde antes estaba Xiana, agora había unha lápida co seu nome.

O segundo tento foi co arco, cun ciclope invocado a través dun pergamiño dun só uso e moita paciencia. O único elemento realmente efectivo deses tres foi a paciencia: o ciclope invocado non sobreviviu ao encontro inicial co inimigo e Xiana non era tan efectiva co arco como coas súas queridas lanzas. Levoume un bo rato pero conseguín deixar a Hades a menos do 5% de vida cando fuxín por un portal para recuperar folgos e pocións. Ao volver, o deus do inframundo recuperara toda a vida polo que tiven que volver a empezar co baile; pareceume xusto e boa idea, inda que non sucedía con ningún dos outros xefes finais. Desta vez, cos patróns xa aprendidos, alternei uns picados coa lanza cos disparos do arco para axilizar o evento, conseguindo a vitoria final.

Polo de pronto penso en deixalo aquí, xa que non teño a nova expansión Raganarok, nin ganas de comezar cun novo personaxe nin de seguir no seguinte nivel de dificultade. De todas maneiras, tampouco borrei a instalación, así que non prometo nada.

  • Horas transcorridas: 23.
  • Maior dano causado: 1189 (o mesmo que no acto anterior!).
  • Monstros derrotados: 13269.
  • Mortes: 11.
  • Nivel: 36.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.