<<

Test Drive Unlimited

Fai algunhas semanas xoguei ao Outrun 2006: Coast 2 Coast na PSP, unha versión moderna (a estas alturas nin tanto, pero ben entendedes) do clásico de Sega que non me convenceu tras uns quince minutos de xogo. Mais o ruxerruxe de botar unhas carreiriñas na portátil ficoume enriba. Non tiña ganas de volver a xogar ao Gran Turismo porque, inda que o sistema de condución funciona ben, o metaxogo de adquirir novos vehículos e progresar na vida virtual non é moi interesante. Se cadra é a caixa de Skinner do Titan Quest a que continúa na miña mente, pero o caso e que estou a buscar algo diferente agora mesmo.

Este Test Drive Unlimited resultou ser xusto o que procuraba. Con nonseicantos centos de quilómetros cadrados baixo as nosas rodas, o xogo desenvólvese nunha illa hawaiana que podemos percorrer libremente ou en eventos competitivos repartidos por todo o escenario tropical. A medida que completamos os desafíos obtemos créditos para mercar novos coches e casas para gardalos. Tamén hai un contador de puntos de experiencia, pero simplemente funciona para desbloquear eventos novos. Ou para ter un número máis que subir có que darnos unha ilusión de progreso.

As probas de condución son bastante variadas: contrarreloxos, carreiras sen tráfico, man-a-mans con tráfico ou intentar pasar por diante duns radares de velocidade o máis rápido posíbel; nestes casos, ao tratarse de eventos oficiais, non teremos problemas coa policía, pero teremos que ter máis coidado nos paseos libres para que non se volvan tolos e carguen contra nós. Pero, independentemente do tipo da proba, en todos os xogos de carreiras hai unha pregunta que hai que responder dende o caderno de deseño: que facemos cos xogadores que intenten conducir por fóra da estrada para gañar tempo? Xa sexa pisando un pouquiño fóra da calzada nas curvas, ou collendo grandes atallos en contra do camiño previsto.

Ao tratarse de percorridos por un mapa aberto é común que o camiño máis rápido até o seguinte punto de control sexa a liña recta sen ter en conta as estradas, pero isto vai en contra do espírito do xogo e non é moi divertido. Para evitalo, algunhas probas impoñen penalizacións por cada segundo que pasemos fóra das vías públicas. É certo que isto soluciona o problema, pero resulta algo frustrante porque moitas veces saírse da pista é un accidente que xa ten o seu castigo na redución de velocidade inmediata ao pisar o terreo non asfaltado. Non obstante, estas penalizacións non están presentes en todas as probas e, ás veces, é moi tentador coller atallos para obter unha vitoria que, se cadra, non é merecida. Seica era un problema moi presente no xogo en liña, segundo os rastros que fican do mesmo por aí espallados, polo que ou aprendías os atallos e xogabas un xogo dexenerado ou podías acostumarte á última posición. Se cadra a mellor solución sería poñer máis portas de control para minimizar estes atallos, mais non sei por que non optaron por esta solución ou se había algo que non a facía válida.

Por resumir a miña experiencia, direi que xoguei até acadar obter o nivel máis alto posíbel e despois aparquei. Non experimentei moito cós diferentes coches e, basicamente, empreguei un de cada categoría para facer os desafíos dese nivel. En xeral, xogo moi recomendábel e un dos meus xogos preferidos de carreiras nesta consola portátil. Déixoo claro por se hai alguén por aí cunha PSP, buscando un xogo de carreiras e que inda non probase este. De nada a todos vosoutros.

  • Horas transcorridas: 11.
  • Porcentaxe completada: 26%.
  • Créditos dispoñíbeis: 1.826.734.
  • Puntos de mestría: 1.007.917.
  • Copas de ouro: 64.
  • Coches en propiedade: 14.
  • Casas en propiedade: 3.
  • Veces arrestado: 4.