Braveland
Este Braveland é un xogo de estratexia/táctica sen pretensións: arte funcional, mecánicas sinxelas e historia narrativa fantasiosa e baleira. Inda que eu xoguei nunha televisión grande, a versión está pensada para tamén ser xogada en pantallas pequenas, polo que tanto ás interfaces coma o resto de sistemas visuais están adaptados para as súas características. Eu penso que tanto mellor porque, como mínimo, e máis cómodo para a vista que andar a ler textos pequenos nunha resolución innecesariamente alta.
A súa cara de felicidade dío todo.
O sistema de combate é semellante ao dos Heroes of Might and Magic: un mapa hexagonal coas forzas rivais nos extremos que loitaran até que só quede un. Cada unidade pódese activar unha vez por quenda, atendendo ao seu valor de iniciativa, moverse e ou ben atacar, ou ben empregar a súa habilidade especial. Tamén temos a oportunidade de lanzar un feitizo por quenda, obtendo un punto de maxia cada vez que unha das nosas unidades recibe dano.
Non hai cobertura que valla para as frechas.
Debido á sinxeleza dos combates, as estratexias e tácticas que podemos aplicar non son moi elaboradas. Eu optei case sempre por agardar a que se aproximen os inimigos para garantir que sempre atacarán os meus primeiro, focalizando os ataques na medida do posíbel para sacar ameazas do campo de batalla. A orde de actuación e a capacidade de movemento son visíbeis en todo momento, polo que os únicos datos oculto son como actuará a intelixencia artificial e o dano resultante de cada ataque.
Moitas veces abonda con golpear con todo cada quenda.
Para darlle algo máis de contido, hai unha campaña onde comezamos cunhas poucas unidades e imos obtendo máis cantidade, outras novas, obxectos e feitizos. Xogueina no nivel de dificultade difícil pero non tiven problemas para superar ningunha das loitas nas tres horas e pouco que durou a mesma (agás cando salteime a orde esperada e ataquei a un grupiño antes de tempo). Temos certas eleccións sobre que unidades mellorar, que obxectos mercar e que pasiva obter en cada suba de nivel. Pero ao final estas decisións non son moi relevantes por mor da escasa dificultade das pelexas. E menos mal, porque debido a que hai que recuperar as baixas tras cada pelexa, podería darse o caso de entrar nunha espiral de derrotas da que non se podería escapar, xa que os recursos son limitados.
Non sería xusto para os inimigos.
Resumindo, este xogo é máis un entretemento básico en forma de pasatempo ca un desafío real. Non é tanto que non teña cousas boas como que todo fica mollado pola rosada da dificultade. É certo que intenta solucionar este punto cun modo supervivencia no que loitaremos contra rivais máis e máis poderosos á vez que melloramos ao noso exército até que finalmente perdamos un encontro; é unha maneira interesante de engadirlle rexogabilidade, xa que tamén inclúe unidades que non puidemos probar na campaña, pero eu xa o dou por rematado após ter conseguido todos os acadamentos.