Rise of the Argonauts. Capítulo 1

Escollín este Rise of the Argonauts da miña ampla (inda que pouco interesante) ludoteca de Steam porque non tiña unha pinta terríbel e porque coido que non sei case nada de Xasón e os argonautas. Supoño que haberá moitas cousas que me soarán por osmose cultural, pero de primeiras diría que ten algo que ver cunha nave e co vélaro de ouro (termo que recoñezo que saquei da Galipedia, porque non houbese dado con el; cousas de non ser de campo nin Otero Pedrayo).

Empecemos!

O xogo comeza cunha longa exposición en forma dun vídeo cunha calidade bastante baixa no tema gráfico, e incluso máis baixa na dobraxe ao castelán. Por sorte, os gráficos melloran bastante unha vez que comezou a tirar do motor Unreal en directo; desgraciadamente, as voces seguiron sendo igual de malas, e non é raro atopar un cativo cunha voz que non lle pega para a súa idade. As faces dos personaxes, especialmente as dos masculinos máis secundarios, tamén viven no val da estrañeza, e non me sorprendería saber que están baseados nos propios desenroladores ou xente que pasaba por aí. Polo menos son interesantes!

Interesante tamén foi a malleira que levou este.

Após a introdución da trama, que neste caso comeza coa morte de Alcmena, a prometida do protagonista Xasón nesta historia, tomamos o control do seu viúvo repartindo golpes a esgalla por todos os lados. As loitas recordan de lonxe aos God of War, pero dunha maneira máis sinxela e menos dinámica e entretida. En contraposición, unha vez superados os primeiros combates, temos acceso aberto ao palacio de Iolcos, distribuído dunha maneira moi labiríntica sen moito senso, o que non axuda a darlle unha verosimilitude afastada do ton lúdico. Correndo polo palacio podemos falar con moitos dos que nos encontramos por aí. En moitas ocasións poderemos escoller a seguinte liña de conversación que poden encaixar coa filosofía dalgún dos catro deuses principais da intriga: Ares, Apolo, Hermes e Atenea. Cada certo número de opcións de cada deus elixidas outorgarannos un punto para gastar na árbore de habilidades particular de cada un, xa sexan activas ou pasivas. Cada acadamento que obtemos durante o transcurso do xogo tamén poderemos ofrecerllo a un dos deuses a nosa elección para obter máis puntos.

De seguro que Atenea estaría feliz con tanta morte no seu nome.

Polo de agora levo tres horas de xogo e xa ando investigando onde a sacerdotisa Medusa está desaparecida, e ao mesmo tempo hai moita xente convertida en pedra: non rematei esta subtrama, pero supoño que CSI Xasón dará coas solucións a estes dous misterios aparentemente non relacionados. Fóra bromas, neste punto é máis aparente que o videoxogo non se atopa cómodo con ningún dos arquetipos: hai poucas pelexas para ser un de acción, pouco que descubrir para ser un de exploración e conversas moi insulsas para ser un xogo de rol. Dado que o xogo é curtiño e, polo menos, serve para recordar certos mitos clásicos (no seu estilo propio e con liberdades), imaxínome que o levarei até o final por moito que tampouco agarde nada brillante del.

Estes dous non son boas pezas, nótase.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.