Slay the Spire. Capítulo 1

Hai un par de xogos de cartas aos que lles teño botado o ollo dende fai tempo: este Slay the Spire en virtual e o Aeon’s End en físico. De feito, ámbolos dous fóranme recomendados por amigos que me coñecen ben logo de apuntalos na miña curta lista de desexos. Sabía o xustiño de ambos, pero xa puntuaban alto antes de escoitar ao seus creadores nos podcasts de Ludology e Nerdlab, respectivamente, e coincido con moitas das súas decisións de deseño; moi recomendábeis ambas escoitas. Do Aeon’s End aínda non podo dicir nada, pero o Slay the Spire foi un gran éxito para min. Nun longo, longo día sen tarefas laborais, caseiras ou sociais, conseguín meterlle máis horas das recomendadas, batendo o meu récord de vicio no mesmo día dende hai moitos anos. E porque un xa ten un pouco de sentidiño, que noutro caso ao mellor inda seguiría e remataría como eses que se esqueceron de beber, comer e durmir xogando ao World of Warcraft. E sería o fin desta páxina, tan importante para o mundo lúdico galego.

E se algo aprendín dos constructores de barallas é que sempre sobran cartas.

Centreime no modo estándar. Comecei perdendo dúas partidas co Ironclad sen moito éxito, pero desbloqueando a segunda clase, a Silenciosa. Comparando o resumo inicial de ambas clases favorecía ao primeiro, pero a miña sorpresa foi grande e agradábel ao comezar a partida e decatarme de que todas as cartas son diferentes! Non sei por que pero asumía que sería o mesmo xogo pero con lixeiros cambios nas condicións iniciais. Aledeime de estar errado, xa que incrementa a rexogabilidade e as posibilidades de expansións e modificacións. Si, por unha vez, ao contrario que habitualmente, xa estou pensando en botarlle máis e máis horas.

Desta non me librei.

Superei os tres actos no meu primeiro tento coa silenciosa, baseándome en moito dano de veleno e esquivando os ataques inimigos. A verdade é que, para ter eu tan pouca idea, a baralla funcionaba bastante ben e até cheguei a superar ao terceiro xefe de sobra. Resultou que non había ningún xefe final, polo que pasaron os créditos do xogo e logo unha pantalla simbolizando aos tres personaxes xogábeis, incitándome a facelo outras dúas veces. Tiña pensado parar entón para escribir este artigo tras unhas catro horas xogadas, mais decidín continuar co terceiro personaxe, un robot, para ver se podería continuar obtendo vitorias. Como non podía ser doutra maneira, o robot ten cartas únicas e, a maiores, un sistema de orbes que orixinan un sistema novo bastante interesante. Desta vez conseguín gañar a partida na última quenda cando xa pensaba que a tiña perdida, porque fixera mal as matemáticas: ao longo dunha loita tan extensa hai tantos efectos en xogo que non é doado telos todos en conta.

Desta si que me librei, pero inda non sei como.

Finalmente tardei sete tentos máis en conseguir a vitoria co guerreiro inicial. O plan gañador foi un baseado na defensa e na carta que permite gardar os puntos de bloqueo sobrantes dunha quenda para outra. Esas dúas, combinadas con outra carta que duplica os puntos de bloqueo, conseguín sobrevivir por pouco ao terceiro xefe desta partida. Tras facelo, non vin cambios nas interfaces do xogo, pero deixarei a investigación para cando comece unha nova partida. Polo de agora xa foi abondo.

A tope co poder de tres.
  • Horas transcorridas: 11.5.
  • Vitorias: 3.
  • Derrotas: 8.
  • Andares subidos: 388.
  • Xefes matados: 17.
  • Inimigos matados: 429.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.