<<

Slay the Spire. Capítulo 2

Desbloqueáronse dúas novas funcionalidades cando superei o xogo inicial cós tres personaxes: o modo “ascensión” e a posibilidade de loitar contra o corazón da torre, literalmente, facéndollo honor ao título de Slay the Spire. Decidín centrarme neste último modo. Para chegar até o corazón hai que xogar unha partida normal, pero recollendo tres pezas dunha chave polo camiño, o cal engade certa dificultade adicional xa que para obtelas temos que renunciar a outras recompensas e loitar contra inimigos máis poderosos.

E inda me sobrou dano.

Admitirei que tiven certas dificultades para acadar este obxectivo, pero aprendín bastante das mecánicas do xogo e as mellores maneiras de aproveitalas. Mais hai moita marxe de progreso xa que, por poñer un exemplo, estaba convencido de que a última vitoria que tiven co personaxe robot ía ser unha derrota clara tras escoller unha reliquia que puña os custos ao chou! Finalmente a estratexia saíu ben en boa parte pola sorte do azar, pero coido que tamén fun capaz de escoller boas cartas para aproveitar dita reliquia.

A famosa estratexia da árbore de nadal.

E esa é unha das cousas que me gusta máis deste constructor de barallas: as posibilidades de experimentación e a satisfacción de levar un plan variado a bo porto. O modo básico xa ofrece bastante rexogabilidade neste aspecto, pero inda esténdese máis grazas ao modo personalizado, onde poderemos cambiar varios axustes ao noso gusto, e o modo diario, onde escóllese unha configuración global onde todos os xogadores do mundo poden competir en igualdade de condicións. Unha boa maneira de atopar sempre un entretemento variado para probar. Coido que é unha boa idea que podería expandirse a máis xogos.

Tamén son moi fan das estatísticas, acadamentos e resumos das partidas.

O núcleo lúdico tamén é dun nivel salientábel, inda que non o comentara até o de agora. Cada inimigo ou grupo ten unha personalidade moi marcada. Tras loitar contra cada un varias veces, xa teremos claro o plan que tentarán levar a cabo, pero ademais anunciarán as súas intencións cando comeza a quenda do xogador, de maneira que podemos planealo da mellor maneira posíbel. Coma xa lle escoitara ao creador nunha entrevista que enlacei no anterior artigo, isto fai que o xogo semelle xusto por non agochar as cartas, nunca mellor dito. A única crítica negativa que podo aportar e que algúns eventos non deixan claro os resultados, e que non estou dacordo de todo con permitir curación ao longo dun combate.

Obviamente, non fiquei moi contento con isto.

Mais só son críticas menores e discutíbeis. Na miña opinión trátase dun xogo redondo, con boas ideas e moi ben levado. As posibilidades de expansión son múltiples tamén, xa sexa con futuro contido oficial ou empregando as modificacións que xa existen. Pero eu non me preocuparei por iso polo de agora. Co modo ascensión teño moito que facer por diante, inda que penso que primeiro tomareime un descanso, porque foron moitas horas de xogo en moi pouquiño tempo real. Xa non era san.

Agora un descansiño, grazas!

  • Horas transcorridas: 27.5.
  • Vitorias: 7.
  • Derrotas: 26.
  • Andares subidos: 1076.
  • Xefes matados: 49.
  • Inimigos matados: 1155.