Terraria
Recordo aquela versión “alpha” do Minecraft, a primeira que permitía xogar en liña cos colegas. E digo xogar dunha maneira un pouco xenerosa, porque con tantos brincos e erros aquilo era calquera cousa agás unha experiencia lúdica satisfactoria. Moito evolucionou o xogo dende entón, e moito cambiei eu tamén. Mais este artigo, como o título ben indica, non vai sobre min e o clásico de Mojang, senón sobre min e o Terraria, un xogo claramente inspirado polo outro, xa que en ambos chegamos a unha paraxe natural foránea e pronto conquistamos e transformamos os ecosistemas. Nesta primeira volta non farei unha análise deses aspectos tan negativos e limitareime a contar a miña experiencia.
Inda que nunca pequei excesivamente do oposto, agora son moi paciente co tema dos xogos non rematados. Valoro suficiente o meu tempo como para non investilo en proxectos a medio cociñar, e máis cando sei que podo agardar algúns meses ou anos e ter unha mellor experiencia. E algo semellante sucédeme con este Terraria. Non é que non se atope rematado, é que sempre que miro hai unha nova actualización programada para pouco despois. Como contarei nos seguintes parágrafos, xoguei un pouco en xuño deste ano, e xusto coincidiu con que anunciaron unha actualización final chamada Journey’s End. E claro, afastáronseme as ganas de continuar coa miña partida até que todo estea no seu lugar.
Segundo Steam levaba dúas horas e media xogadas a este xogo, a saber con cantos personaxes diferentes comezados dende cero. O que recordo é que nunca profundei moito no sistema de xogo, até o punto de non facer moito máis que picar un pouco, matar algúns bechos e morrer. Nunca tiven un non-xogador na miña aldea e coido que nin sequera fixen unha ferramenta dalgún metal nas miñas curtas incursións. Pero todo iso cambiou cando fun invitado a unha partida multixogador de varios amigos. Máis ben autoinviteime, pero iso non vén a conto agora.
Case collín a partida dende o comezo, polo que puiden observar como montaban unha mina con plataformas para subir e baixar, facía casas-gaiolas para os personaxes non xogadores e algunhas outras cousiñas que, inda que me destriparon parte do descubrimento, axudáronme a comprender o funcionamento de moitos sistemas do xogo. Na longa noite que lle adicamos ao xogo, centreime en facer de gardacostas e en loitar contra os monstros, aproveitando máis a influencia do Castlevania cá do Minecraft. Os meus compañeiros invocaron dous xefes, e o segundo golpeounos duro varias veces, en parte porque no xogo en liña os inimigos móvense ás veces de forma algo errática, lembrando un pouco aquelas primeiras experiencias do Minecraft en rede.
De calquera maneira, esa partida serviume coma xerme para un novo tento de partida dun só xogador que comecei dous días despois. Montei unha pequena base de operacións cunha mina debaixo, na que atopei os meus primeiros metais e algúns tesouros, entre os que saliento unhas botas de velocidade. Valéronme ben para esbarrar sobre o xeo e rematar esta interesante hora de xogo cunha morte por mor dunha gran caída. Paseino ben e fiquei con ganas de continuar a partida, pero coido que agardarei pola actualización final que mencionei máis arriba. E, para entón, seguramente empezarei un novo mundo cun novo personaxe; agardo que, nese momento, non repita todo o proceso de aprendizaxe e non me free se anuncian outra versión nova. Atendendo ao historial dos desenvolvedores non sería algo fóra de toda posibilidade.
Semella que o botón de capturas non funciona neste xogo, polo que só teño esta.