Especial 100 entradas
A entrada anterior nesta páxina foi a número cen. Durante un ano e medio apañeime para escribir e publicar polo menos un artigo por semana, chegando a dobrar ese número nos últimos tempos. O que me sorprendeu máis a min mesmo foi que atopara tempo abondo non só para xogar a tanto xogo tan a cotío, senón tamén para documentalo por escrito, tendo en conta que boa parte do proceso que sigo non é o máis áxil: logo de xogar e meditar lixeiramente sobre a experiencia, collo un caderno e un bolígrafo e esbardallo dúas páxinas co que se me vai ocorrendo, sen facer moita investigación. Cando chega o momento, transcríboo na computadora cunha lixeira edición, engádolle as imaxes e fica lista para ser publicado.
A idea tras este proceso é afastarme un pouco das pantallas, tan presentes na miña vida. Os efectos secundarios principais maniféstanse na estrutura dos escritos en parágrafos ben diferenciados (o espacio vertical no caderno é limitado) e que resultase coa forma actual de diario, no que compoño para min o que se me pasa pola cachola como recordatorio das experiencias lúdicas. Por esta razón, non comento moitas veces máis ca un par de detalles que me chamaron a atención dun xogo en particular, deixando os datos obxectivos para outros medios coma a Wikipedia. Obviamente non pretendo ter unha base de coñecemento, senón unha de experiencias persoais. Velaí tamén o motivo polo que non teño coidado ningún coas revelacións dos xiros das tramas. Serva este parágrafo coma aviso aos lectores que non queren que lles estrague as novidades dos xogos dos que falo.
Non agocharei que, na miña mente optimista, tiña outros plans máis ambiciosos para as diversas entradas. Contaba con facer uns análises profundos das mecánicas dos diferentes xogos coma se eu fose un membro de Ludology ou Gamasutra, cun galego propio de Darío Xohán Cabana… pero iso sería moito máis traballo có formato actual e, probablemente, tampouco teña todo o talento requirido. Ás veces intento deixar algún xerme de idea nas entradas, algo que podería ser expandido en forma de ensaio para xerar un contido de maior nivel, pero as mesmas fican lonxe de ser exploradas coma deberían. Pese a todo, estou medianamente contento co resultado e non conto con trocar o proceso a medio prazo, inda que non o descarto para ocasións especiais.
No canto da audiencia, supoño que coñezo polo nome a todos os que poden rematar por aquí de visita, pero non quixen espiarvos con algunha ferramenta de analíticas, polo que non sei se haberá alguén fóra desa lista. Dubídoo porque os enlaces entrantes a esta páxina, polo menos segundo Google, cóntanse cos dedos das dúas mans dun Simpson, e non teño actividade nas redes sociais. Anteriormente a comezar este proxecto tiña outro de facer unha especie de buscador de páxinas en galego, xa que as alternativas automáticas non ofrecen esa opción e os intentos de coleccións reguladas están moi desfasadas. Iso podería servir para unir todo ese contido que se está a producir en galego e, coma esta páxina, e difícil de atopar polas vías habituais.
E até aquí o especial de cen artigos! Comentei algunhas cousiñas que levo tempo querendo por nunha páxina de “acerca de”, por aquelo de introducir lixeiramente o blogue, mais iso debería ser expandido e redactado doutra maneira, polo que será outro día. Polo de pronto seguirei co ritmo e formato habitual e xa teño planificada a que pensaba que ía ser a peor entrada de toda a colección, inda que logo de transcribila non o teño tan claro. Vémonos!