AiportPRG
Raro é atopar un xogo para móbiles que sexa honesto, adaptado aos controis nativos deste tipo de plataformas e totalmente gratis, sen microtransaccións nin publicidade. Este AirportPRG cumpre con todos eses puntos, agás por un pequeno anuncio doutro xogo do mesmo creador, mais é totalmente comprensíbel e nada intrusivo. Inda que xa leva dous anos nas plataformas de descargas, síntese coma un aire fresco en medio de tanto sacacartos. Trátase de xestionar o aeroporto de Praga entre os anos 1937 e 1947. En cada nivel deberemos atender aos avións, asignándolles un aparcamento, baixando a xente e as maletas, engadíndolles combustíbel, subindo aos novos pasaxeiros e finalmente guiando os aparellos para que despeguen cara o seu novo destino. E todo isto a través dunha interface moi sinxela xa que só teremos que premer un ou dous botóns para comezar a facer calquera desas accións. Os problemas aparecen polas limitacións loxísticas do aeroporto, das súas instalacións e do persoal involucrado.
Como o xogo transcorre en tempo real, sempre andaremos ás presas intentando non ter nunca aos nosos traballadores parados. Pero a orde óptima de facer as cousas non está clara, polo que as decisións continuas serán erradas algunhas veces, pero non queda outra que mirar cara adiante e avanzar da maneira que podamos; no hai tempo para as lamentacións. Non é pouco habitual chegar até o final dun escenario e atoparnos con que todos os avións están agardando polo mesmo recurso (semella que xa falo como esa xente que aborrezo!) para rematar o seu paso por Praga. Neses casos é probábel que non obteñamos a máxima puntuación e teremos que volver a comezar o escenarios, polo menos no caso dos xogóns aos que non nos basta con simplemente acceder ao seguinte nivel.
Cada un dos escenarios vén precedido por un pequeno texto introdutorio que fala da historia do aeroporto durante os anos que modela. Están moi ben escritos e fanme empatizar co “meu” aeroporto, polo que tamén é interesante velo medrar e sufrir cos diferentes eventos desta época tan complicada na Chequia. Tamén teñen moito encanto os gráficos tridimensionais e como representan eses aeroportos nos que os avións, pasaxeiros e persoal conviven e pasean pola pista, lonxe do teatro de seguridade que atopei cando aterrei alí fai algúns anos.
Eu completei os nove escenarios principais até obter as tres estrelas máximas en cada un. Tras eles hai outras tres pantallas novas que funcionan a modo de extras; e todo de balde. O creador tentou sacar unha secuela a través dunha campaña de micromecenado, mais a pesares das boas notas e a certa sona deste AirportPRG, non conseguiu nin achegarse un pouco aos seus obxectivos económicos. É unha mágoa pero, a dicir verdade, eu tampouco tería colaborado polas miñas propias razóns. Inda así, doulle as grazas por esta experiencia e por poder aprender un pouco sobre este entrañábel aeroporto.