<<

Picross Galaxy

Ao igual ca no anterior AirportPRG, este Pricross Galaxy tamén é un xogo honesto para plataformas móbiles. Cada desafío é un crebacabezas, sempre coas mesmas regras, e atopamos unha tira de publicidade na parte baixa da aplicación mentres xogamos e vídeo publicitario saltábel tras superar cada un; nin máis, nin menos. Os que desexen evitalos teñen a oportunidade de facer un único pago para que non volvan a saír. Tamén hai un sistema de axudas que pode ser refrescado mirando voluntariamente máis publicidade, pero nin é preciso nin o teño empregado nunca. Este é, na súa totalidade, o sistema monetario do xogo, que é un tema do que non acostumo a falar pero seméllame máis importante ao competir no salvaxe oeste que son os xogos para móbiles.

O bucle principal do xogo consiste en empregar a lóxica para encher unha matriz bidimensional segundo unhas regras sinxelas que non comentarei explicitamente por aquí. Nesta especie de sudoku o resultado final é un debuxo pixelado, polo que ademais da satisfacción de superar o desafío tamén temos unha recompensa adicional en forma de arte, inda que ás veces a representación sexa bastante forzada. A forma final obtida pode ser empregada coma unha especia de axuda máis aló da lóxica, e segundo as críticas que lin semella que moitos fan iso, pero eu só seguía as regras numérico-lóxicas. E, posto que as regras sempre son as mesmas para todos os niveis, o xogo apañase para facer unha montaña rusa de dificultade ao longo dos múltiples niveis. Estes divídense en “galaxias” de doce niveis cada unha, de maneira que a súa dificultade é crecente dentro de cada galaxia, e o mesmo entre elas. Isto axuda ben a que flúa ben, xa que tras superar as últimas pantallas máis complicadas dunha galaxia temos certo acougo coas primeiras da seguinte, xa que son máis sinxelas e pequenas, polo que poderemos relaxarnos un pouco.

O xogo véndese dicindo que todos os niveis son resolúbeis sen ter que facer suposicións, o cal xa pon un teito na xogabilidade. Inda así, cos diferentes tamaños e facendo que coas regras aparezan máis ou menos casas definidas, pódense facer unha boa variedade de dificultades. Desta maneira até nos niveis máis complicados poderemos empregar en cada punto a nosa lóxica para avanzar no desafío; sempre con algo de paciencia. Do máis interesante desta experiencia é derivar as nosas propias regras para completar os niveis. Nun comezo podemos simplemente traballar con filas ou columnas completas, pero cando aumenta a complexidade imos sacando algúns truquiños para poder pintar certas casas e ir tirando dende aí.

Eu puxen o freo tras completar os primeiros 27 niveis e, logo, saltar a un do final etiquetado coma hard. Levoume tres intentos pero conseguino finalmente, inda que ficoume unha casiña sen encher axeitadamente e tiven que trampear un pouco o final para que encaixase; tedes un breve resumo do acontecido nas imaxes que acompañan este artigo. Pero sen dúbida que o xogo da para máis, e xa vin algunha xente ao meu carón chegar a ter tres díxitos de niveis solucionados.