I am Bread

Coma xa dixen no especial de cen entradas, nalgún momento quizais debería pensar se paga a pena seguir escribindo artigos deste xeito, ou se debería trocar o que xa é un ha tradición e procurar xerar algo de contido máis interesante. Xa sei que non pretendo ser un referente en nada, pero apuntar un pouco máis alto podería axudarme a sacar mellores análises. Pero iso terá que quedar para outro artigo, porque este trata sobre un xogo consistente en torrar unha rebanda de pan!

No I am Bread  manexamos a propia porción de pan que temos que torrar en cada escenario. E, coma todo o mundo sabe, o pan non ten unha mobilidade moi grande. Mais neste caso, trátase dunha rebanda especial, xa que é capaz de aferrar se ao mundo coas súas esquinas pegañentas, e moverse lixeiramente reptando. Pero se combinamos estas dúas cousas podemos chegar a calquera lugar que se atope no noso punto de mira. Polo menos na teoría, xa que na práctica é algo máis complicado e é precisamente a graza do asunto.

A maneira básica de desprazarse consiste en afianzar unha ou dúas esquinas e rotar sobre elas. Logo, pegamos as opostas á superficie en cuestión e repetimos o procedemento. Así a rebanda irá avanzando igual ca eses papeliños que caen ao chan e móvense coas correntes de ar cada vez que nos agachamos para recollelo. Ademais, dado o extraordinario poder de agarre dos recantos do anaco de pan, é capaz incluso de loitar contra a gravidade e escalar muros ou moverse polos teitos. Se esta idea seméllate a algo sacado dunha película de terror fantástica dos anos 60, non andarás moi lonxe do interesante epílogo do modo historia.

Os controis son tan frustrantes coma o método de movemento. No mando habitual empréganse os catro gatillos laterais para deixar pegadas cada unha das catro esquinas. A miúdo teremos que alternar premendo os botóns de atrás e os de adiante con certo ritmo. Non sei se é cousa de que o meu mando xa ten os seus anos, pero o chío ao premer eses botóns semellaba que estaba a xogar ao Guitar Hero por momentos. Iso si, logo dunha sesión dunha hora, a man ficábame en forma de garra, máis ou menos coma a Chandler logo de xogar ao Ms. Pac Man. E si, esta é a segunda referencia a Friends no blogue, inda que non é das miñas series preferidas.

Xunto cos patróns de movemento e os controis, o xogo non se podería entender sen as particulares físicas do seu motor gráfico. Son difíciles de describir, e seguramente poden ser consideradas coma “rotas” en calquera outro contexto, pero contribúen á tolería da experiencia, converténdose en fundamentais. Desta maneira, non nos resultará raro que a torrada interactúe estrañamente cun pequeno anaco de cristal e saia voando sen ningún senso. Ou que acender unha grella cun misto sexa un dos meus acadamentos persoais nas catro horas que lle adiquei a esta loucura. Hai outros modos diferentes de xogo, pero chegoume polo de agora, e ás miñas garras tamén.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.