Fortune-499

Moitos xogos poden resumirse nun pedra-papel-tesoira, pero este Fortune-499 faino explícito empregando eses tres elementos e as súas regras de vitoria coñecidas por todos. Este mecanismo é mesturado co de construción de barallas, podendo xogar até catro cartas cada quenda, co obxectivo de tentar saber as probabilidades do que xogará o rival. Dito desta maneira pode resultar excesivamente sinxelo, pero noa práctica enténdese coma un “apura-a-túa-sorte” que ademais contará con varios xiros ao longo da historia para darlle máis variedade táctica e estratéxica.

As modificacións á nosa baralla non seguen un patrón, senón que son situadas por requirimentos da trama, inda que si poderemos escoller a miúdo que cartas queremos incorporar, quitar ou mellorar. Outras veces as cartas serán negativas e teremos que engadilas si ou si para avanzar na historia. Esta divídese en diferentes días na vida da protagonista, Cassandra. En cada un deles, a baralla será reiniciada, polo que o xogo é máis ben unha serie de crebacabezas a resolver. Mentres tanto veremos como Cassandra loita no seu día a día na súa empresa contra o seu traballo, superiores, recursos humanos, compañeiros, horarios e demos do inframundo. O normal cando traballas nunha gran compañía, especialmente naquelas nas que non está moi claro o que venden máis aló de frases coma “valor para o cliente”.

Cassandra é unha oráculo que emprega as cartas para coñecer o futuro. Prostitúe esta habilidade na empresa na que traballa, pero os altos directivos pensan que é todo casualidade e que o seu posto non é preciso. Pero nese momento aparecen uns demos por todas partes da gran sede e é Cassie unha das poucas que lles planta cara para defender á compañía e aos seus traballadores. Cada día pasará por un departamento diferente, atopando a fauna habitual de cada un e algúns monstros contra os que loitar. Cada noite tomará algo coas súas amigas e queixarase do traballo… até que este ocupe todas as horas do día… e da noite. Unha historia arrepiante máis propia da vida moderna que da Grecia clásica.

O arte, a música e a historia compaxínanse ben para crear unha atmosfera pretendidamente baleira, distante e onírica. As liñas dos diálogos tenden a ser graciosas e críticas co funcionamento xeral dunha gran empresa. Gocei bastante tamén con todos os xogos de palabras reinterpretando as palabras económicas de boca dos demos: liquidar, OPA hostil ou ofrenda pública teñen outros significados nunha invasión dende o Hades. Toda a experiencia está ben condensada nas tres horas que dura. Dalgunha maneira é unha mágoa que non se tratase do prólogo dunha historia máis longa, pero levaría bastante traballo e quizais as mecánicas faríanse moi repetitivas debido á súa sinxeleza. Debido ao carácter crebacabezas orientado á historia, tampouco ten moita rexogabilidade, pero seguramente pague a pena repetilo inda que só sexa por volver a ler os diálogos.

  • Tempo de xogo: 3’25 horas.
  • Duelos gañados: 145.
  • Duelos perdidos: 85.
  • Karma gañado: 36.
  • Mentiras contadas: 0.
  • Beneficio: $2325.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.