<<

Final Fantasy III. Capítulo 3

Pois, efectivamente, o xogo avanza rapidamente con moitos alxubes pequenos. Ben é certo que a dificultade estase a incrementar, polo que xa vin algunhas veces a pantalla de xogo terminado. Debido a isto, troquei os meus plans para ser un pouco máis conservador e saír logo dunha primeira incursión, consolidando as ganancias de puntos de experiencia e tesouros. Desta maneira, como xa é un clásico na saga, podo ir máis directo en sucesivas viaxes cunha idea da distribución dos corredores na cabeza e máis recursos e niveis. O plan funcionou até que me atopei gardando partida diante do palacio de cristal de Xande: aí non tiña maneira de recobrar os feitizos e o de teletransportar non me retornaba á seguridade.

Nese momento decidín gastar un dos escasos elixires para recargar as curacións de Vinxer e volver a durmir á nave Invencíbel. E menos mal que o fixen! Deixárame atrás o cristal da terra! (Aquí perdinme algo, pois eu pensaba que fora esnaquizado con anterioridade). Xusto gardei a partida despois de obtelo, pechando o meu capítulo persoal para comentar por aquí. Investiguei un pouco os novos oficios dispoñíbeis para os protagonistas e inda non sei que trocos farei. Levo bastante tempo cun cabaleiro, dous xeomantes e un mago branco. A idea é deixar que os modificadores de terreo fagan todo o dano posíbel, protexéndoos co cabaleiro e mantendo a todos vivos con maxias do feiticeiro branco. Os xeomantes fan dano exponencial segundo o seu nivel de oficio, polo que parece boa idea seguir con eles. Do cabaleiro teño as miñas dúbidas, polo que podería cambialo por outra clase que tamén sexa de cachola dura para aturar os golpes.

Diría que a historia vai máis ben frouxiña; eu vou facendo o que toca en cada momento, pero moitas veces semellan ser cousas secundarias que son unha mínima axuda cara completar a nosa epopea de contrarrestar o desequilibrio mundial cara o mal. A mágoa de que a historia avance tan rápido con tantas tramas diferentes é que perden certo impacto emotivo, e non nos entristece o que debería cando temos que loitar irremediabelmente contra un amigo que fixemos pouco antes. Pero o premio ao antipatrón narrativo-lúdico vai directamente a esas zonas do mapa que, ao tentalas pasar sen levar enriba o obxecto correspondente, causan a morte de todos os protagonistas sen remedio. E é culpa túa se non gardastes a partida no paso anterior.

Semella que estou preto do final. O malo Xande está no seu castelo, e ese é o meu seguinte farallón. Farei unha predición e direi que ten que haber algo máis logo diso; porque non é que os efectos de Xande no mundo foran moi visíbeis polo de agora. A miña intuición de xogón vello lévame a pensar que debería haber polo menos un escenario máis, se cadra cunha nova baixada aos infernos coma na edición anterior. Outra opción podería ser a inversa: tanto loitamos contra a escuridade que o equilibrio do mundo trocou cara a luz, e é iso o que teriamos que solucionar. Xa hai certas mencións a algo así dentro da mitoloxía do xogo, porque hai mil anos era precisamente a luz a que se pasou de freada. Pero para saber todo iso abondará con xogar un pouco máis, ou ler o seguinte artigo no voso diario lúdico en galego preferido da rede.

  • Tempo de xogo: 15 horas.
  • Oficios Xalo/Peiro/Vinxer/Cela: cabaleiro, xeomante, mago branco, xeomante.
  • Nivel mediano: 43.5.