<<

Final Fantasy III. Capítulo 4

Rematado, por fin! E non digo “por fin” porque o xogo fose moi longo ou aburrido; e máis ben porque o último alxube da aventura levoume horas, nervios e paciencia. Na miña segunda incursión no castelo de cristal conseguín chegar bastante lonxe, pero morrín sen consolidar a ganancia, igual ca na primeira vez. Para a terceira troquei a ruta e atopei un camiño máis sinxelo a través de Eureka, no que me abastecín de equipamento lendario que pouco podo empregar. Destacarei unha variña que permite curar uns 1400 puntos de vida a un personaxe por quenda, só en combate; pero a estas alturas é case imposíbel abusar tal efecto para saír dunha loita con máis puntos de vida cós que entramos. Xaora que non por iso deixo de intentalo.

Na cuarta viaxe polo interior da edificación cristalina amañeime para chegar até o seu dono, Xande. Nese momento os protagonistas fican paralizados por unha poderosa maxia. Por sorte, os amigos que fixemos durante a aventura aparecen para contrarrestala e permitirnos loitar contra Xande para salvar o mundo. Pero nada máis comezar a loita xa podíamos ulir que non ía ser tan sinxelo: a súa icona dentro da batalla non era única nin tiña pinta de xefe final. Foi sospeitosamente doado vencelo. Pouco despois confirmouse que efectivamente Xande non era máis que un louco empregado pola “nube de escuridade” resultante do desequilibrio entre a luz e a carencia da mesma. Esta “nube de escuridade”, en forma de muller xigante con tentáculos, esnaquiza aos catro orfos protagonistas sen moita opción. Dous poderosos espíritos amigos volven a dar a súa vida polo equipo e temos, desta maneira, outra oportunidade. Pero non será nada fácil, xa que hai que percorrer outro alxube inescapábel con pelexas ao chou moi complicadas e outros catro xefes antes de poder tomar vinganza contra a nube. Eu perdín contra o último deses catro xefes, “tirando” as últimas dúas horas e pico de progreso.

En sucesivas incursións non conseguín nin repetir a fazaña de chegar até Xande, nin consolidar puntos de experiencia. Todo por mor duns dragóns que aparecen ao chou e que son máis perigosos có propio xefe intermedio. Decidín entón darme outra volta polo mundo de Eureka e, ademais de algunha experiencia e algún obxecto, conseguín atopar unha tenda que vende shurikens, o que lle virá moi ben ao meu cabaleiro convertido en ninja. Lixeiramente máis poderoso, repetín a incursión até Xande, volvín ver todas as animacións e accedín de novo ao mundo de tebras. Esta vez forcei os combates ao chou para subir ao seguinte nivel antes de cada xefe, e conseguín vencer a todos, incluíndo á “nube de escuridade”. E iso puxo fin á aventura! Acadei o obxectivo, tras dúas tensas horas sen gardar a partida.

Esta última parte foi un gran contraste co xogo máis directo e sinxelo que comentara antes, pero esa tensión e necesidade de non ter erros mentres controlamos os recursos consumíbeis resultou moi tirante e interesante. Certo é que, ao final, non deixa de ser un xogo de números e sorte, pero fico coa sensación de telo feito ben co meu ninja, mago branco e os dous xeomantes. Así de primeiras, gustoume máis có segundo xogo da saga e máis ou menos o menos có primeiro. Inda non o sei dicir con certeza, pero apúntome como idea un novo artigo para ordenalos dalgunha maneira, quizais cando xogue a algúns outros desta saga de fantasía.

  • Tempo de xogo: 19.5 horas.
  • Oficios Xalo/Peiro/Vinxer/Cela: ninja, xeomante, mago branco, xeomante.
  • Nivel mediano: 54.
  • Trasgos asasinados: 16.
  • Monstros derrotados: 80%.