Rise of the Tomb Raider

A nai dun amigo da infancia estaba moi enganchada aos primeiros Tomb Raider, e cada vez que me vía contábame os seus novos avances nunha pirámide non-sei-onde ou como tivo que brincar dalgún lado para chegar a outro e obter así un non-sei-que. Eu escoitaba con curiosidade por dous motivos especiais: era a única persoa que coñecía que tiña ese xogo tan de moda nas revistas de videoxogos da época, e ademais era unha nai! Algo moi afastado do meu círculo de xogadores varóns e menores de idade. Supoño que ela aburriuse ou completouno, porque non volveu a saír o tema. Dende entón coido que a maior iteración que tiven coa saga foi ver unha película protagonizada por Angelina Jolie, até este Rise of the Tomb Raider.

Pola outra banda, non son consumidor dos famosos xogos “AAA” de acción/aventura modernos: non xoguei a ningún Farcry, nin Assasin’s Creed, nin similares. A excepción é o Shadows of Mordor, e atopo moitas similitudes entre ambos, pero supoño que serán endémicas do xénero actualmente. É difícil articulalas exactamente, pero a miña impresión resúmese en que sacan á luz todas as mecánicas dunha maneira moi explícita e pouco inmersa; fai moito máis doado comprender todo o que pasa ou pode pasar dentro das regras do xogo, pero tamén rompe un pouco da maxia da inmersión. Polo de agora son ambivalente con esta forma de expor as mecánicas, pero se cadra é porque inda non fiquei saturado con outros xogos similares.

Outro problema con estes xogos modernos é que eu teño un ordenador normaliño. Tardou bastante en cargar todo o xogo cando o arranquei por vez primeira, pero o primeiro que renderizou a miña máquina resultoume espectacular para o que estou acostumado. As animacións ían fluídas, polo menos para os meus estándares, pero cada media hora de xogo poñíase ao ralentí durante un anaco, polo que decidín baixar as calidades dos gráficos: para os meus ollos inexpertos semellaba similar pero solucionou o dos paróns; os tempos de carga seguían sendo xigantes, ante todo logo de arrancar unha nova sesión.

Decidín comezar no nivel de dificultade de saqueadora experta, por darlle algo máis de desafío. Isto, ou a miña inexperiencia co xénero, levoume a bastantes mortes, inda que recoñecerei que eran evitábeis e non inxustas. Sorprendeume que moitas desas mortes tivesen a súa propia animación, polo que cheguei a pensar que era o camiño agardado até que me decataba que Lara remataba desangrándose no chan. Todas as animacións e movementos son fluídos, e intégranse ben coas mecánicas,inda que non estea de acordo con todas. Coido que o mecanismo de exploración, coas súas mensaxes de “inda non podes acceder aquí”, é algo pesado e defrauda. A cacería de animais só polo seu coiro tamén doume un pouco, xa que eu dinlle caza ao veado para que Lara comese e non morrese tamén de fame.

Porque un leitmotiv nas tres horas de xogo que levo é que Croft pásao mal. Xa sexa mollándose cando non toca, barnándose, pasando frío ou mesmo nas súas relacións persoais con amizades ou familiares co seu pai. A historia non avanzou moito máis que unha exploración internacional e uns rusos que semellan estar a tramar maldades. O pai Croft está morto (ou iso parece), mais eu agardo algunha revelación sobre el nalgún momento da narrativa, e supoño que a Lara non lle gustará moito.

PD: fiquei un pouco canso do rendemento da miña computadora, e tampouco estaba gozando moito do xogo, polo que decidín deter a aventura até novo aviso. Os xogos “AAA” da última década terán que agardar un pouco máis por min.

Un comentario en “Rise of the Tomb Raider”

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.