<<

VVVVVV

Como xa adiantei na posdata da entrada anterior, non continuei moito máis coa partida do Rise of the Tomb Raider. Volvino a arrancar e, logo da longa carga inicial, atopeime coma dentro dun soño: todo tiña unhas cores raras, non sabía como chegara até aí e non era capaz de saber o que significaban todas esas letras que aparecían na pantalla. Din catro voltas arredor dunha árbore e entroume a preguiza, polo que decidín pechar ese xogo e buscar outra maneira de pasar o rato. Tardei menos tempo en pensar, instalar, iniciar e camiñar polo teito deste VVVVVV có que tardou o Tomb Raider en amosar a coleta de Lara Croft.

Era a miña terceira partida a este xa clásico videoxogo, polo que ben sabía o que facía inda que non recordaba exactamente todos os detalles. Fóiseme un pouco das mans e, dúas horas despois xa o tiña rematado e tan só faltoume un dos vinte abelorios coleccionabeis, que conto con obter a próxima vez que teña un momentiño para adicarlle. Desta vez xoguei con mando e, con paciencia, non tiven moitas dificultades nin con “infame” Veni, Vidi, Vici. É certo que apuñóuseme outro abelorio, o do nivel chamado Edge Games, no que perdín 137 vidas porque ao comezo intentei trampear o xogo no lugar de reflexionar e facer o camiño lóxico.

As mecánicas son moi sinxelas; os controis resúmense en moverse á esquerda, á dereita e en trocar a gravidade do noso personaxe. Iso é todo. Hai un mundo aberto que podemos explorar, coa axuda dun mapa automático, e case todas as áreas son accesíbeis dende o comezo, sen necesidade de ter que desbloquear novas habilidades ou abrir novas portas por medio da narrativa (si, estou a falar contigo, Rise of the Tomb Raider). Poderemos escoller libremente que áreas percorrer e en que orde. Inda que eu fun ao chou entrando no primeiro lugar que atopase, non creo que houbese brincos nas dificultades relativas entre eles, sendo máis importantes as sensacións e o estilo particular que outra cousa.

Tamén destacábel é a banda sonora orixinal, chamada PPPPPP. Non é algo que eu tenda a salientar, pero neste caso atopeime cantaruxando as cancións ao mesmo tempo que atravesaba os niveis. E direi que non fun o único, porque a miña dona tamén asubiou polo menos unha das melodías orixinais do xogo, xa logo de telo pechado e cando estabamos a facer as tarefas do fogar. As cores tamén axudan a acadar ese ambiente retro-futurista-epiléptico que lle pega tan ben. E os momentos de tristeza dos protagonistas trocando o seu sorriso cunha cara triste é grandioso (á vez que empático), co seu efecto de son a xogo.

Diría que dito efecto de son de tristeza é o mesmo que soa cando o protagonista morre, algo moi habitual neste xogo. Pero, máis aló de acadamentos e desafíos adicionais, unha morte non é máis ca un pequeno paso cara atrás no noso avance. Os puntos de control están frecuentemente espallados polas múltiples pantallas, polo que non é habitual que teñamos que repetir unha zona xa superada. Até unha pantalla que temía polos meus recordos, o Gravitron, no que temos que sobrevivir un minuto, poderemos facelo en incrementos de cinco segundos, moito máis fácil.

  • Tempo ao rematar o xogo: 1.5 horas.
  • Abelorios ao rematar o xogo: 15.
  • Xiros ao rematar o xogo: 3101.
  • Mortes ao rematar o xogo: 632.