Kirby’s Block Ball

A primeira vez que toquei unha Game Boy foi na rúa onde xogaba de cativo. Ese día non había pelota, pero entre todos improvisamos unha proba mixta con esa consola, o Tetris, un cronómetro e dúas bicicletas. Pero iso é outra historia, só quería introducir a segunda vez que tiven nas miñas pequenas mans a gran consola portátil de Nintendo. Foi un acceso algo estraño a unha máquina que se atopaba á venda pero que eu estreei sen miramentos. O xogo escollido foi un de pinball protagonizado por Kirby. Uns vinte e cinco anos despois intentei reptir a experiencia, pero rematei xogando a un Arkanoid co mesmo protagonista: o Kirby’s Block Ball.

Obviamente xa xoguei a moitos xogos de Kirby dende aquel de pinball, polo que fun capaz de recoñecer moitos padróns da saga neste xogo alternativo: inimigos, niveis, obxectos e os poderes absorbidos por esa boliña rosa (ou verde, na Game Boy clásica) tan riquiña. O dos poderes é unha das variantes ás raíces clásicas do xogo rompe-bloques, pero tamén é a máis efémera xa que desaparece ao perder unha vida, e só se poden obter en determinadas pantallas. Os outros afastamentos da xogabilidade orixinal resúmense na oportunidade de facer rebotar ao noso amigo rosa cun extra de forza e a presenza de máis plataformas controladas polo xogador nos laterais e na parte superior dos niveis. Non sempre estas plataformas cobren zonas polas que se poden perder as vidas nin están sempre presentes, agás nas loitas contra os xefes.

Cada mundo atópase dividido en cinco niveis que hai que superar cun número determinado de vidas, que se repoñen ao comezo de cada mundo. Todos seguen o mesmo padrón con tres niveis iniciais e logo un primeiro contra o xefe do mundo. Nesta cuarta pantalla teremos a posibilidade de facer colleita de estrelas que funcionarán coma protección para o encontro final, que xa será máis complicado e definitivo. Mais iso non quere dicir que o xogo sexa difícil, xa que igual cós clásicos de plataformas da saga, chegar até os créditos non é unha gran xesta. Pero iso é unha cuestión que ten boa resposta dentro das propias mecánicas elixidas: o sistema de puntuación.

En cada nivel obteremos puntos de moitas maneiras, e en algúns até hai forma de gañalos sen límite teórico, inda que sería dunha maneira moi lenta, complicada e nada interesante. A nosa mellora opción é obter o poder que debilita os bloques para que Kirby sexa capaz de rompelos atravesándoos co seu poder. Se conseguimos eliminar todos os bloques durante os trinta segundos que dura o poder, obteremos unha bonificación á puntuación moi importante dependendo do número de destrucións e o tempo restante. Eu cheguei a completar todas as pantallas sen perder nunca todas as vidas, pero só unha vez fixen puntos abondo para gañar unha “bandeiriña”, polo que só tiven acceso ao final malo. Ficará para outro mes o de tentar superar a puntuación necesaria para obter as noves bandeiriñas que me faltan para acceder ao verdadeiro derradeiro mundo.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.