<<

Cladun: This is an RPG. Capítulo 1

O Disgaea é o xogo ao que lle adiquei máis horas na miña gorda PSP, e até o meu avatar nesta páxina ven de aí. Dende que o descubrín miro con agarimo todos os xogos que me atopo de Nippon Ichi, inda que algúns non vaian ben comigo. Este Cladun: This is an RPG semella ser aos Zeldas clásicos o mesmo có Disgaea é ao Final Fantasy Tactics: escenarios curtos, rexogábeis, cun enfoque en subir niveis, unha narrativa onde o humor é constante e contido adicional abondo para seguir gozando do xogo durante horas logo de ter rematada toda a historia.

A experiencia cumpre o que promete. Polo menos se promete unha colección variada de alxubes cheos de non moi interesantes monstros e máis trampas por metro cadrado ca na mansión da tía Agata. Os inimigos son duns pouquiños tipos inda que trocan de cor ao mesmo tempo que aumentan de poder para darlle unha maior varianza, pero o seu comportamento segue a ser idéntico. Ao final trátase dun xogo de números (con decimais!) e paciencia: case todos os inimigos son manipulábeis para atopar un padrón que permita baixarlle a vida pouco a pouco, minimizando o risco de recibir feridas.

Sorprendeume que, polo menos polo de agora, non encontrei máis ca un inimigo que se podería cualificar coma Mid-Boss. Agardaba no final do seu alxube e, sen mediar verba, teletransportouse xunto a min e atacoume polas costas un par de veces, rematando aí a incursión. No segundo tento aproveitei algúns dos feitizos que tiña equipados para dar boa conta do meu rival. Foi unha das poucas veces que tirei do sistema de maxia, que non me parece moi interesante nin útil, agás nos feitizos de curación. Supoño que unha vez que aumente a miña habilidade, e os meus coñecementos dos sistemas, pasarei a facer un mellor emprego do botón triangular.

Porque, máis aló da aparente sinxeleza da parte activa do xogo, hai moitos outros elementos que hai que ter en conta e que non son tan aparentes. Ademais do equipamento do personaxe principal, o círculo máxico cos personaxes secundarios e os seus artefactos asociados tamén inflúen positivamente nos números das estatísticas do protagonista. Non tentarei explicalo porque inda non o teño nada claro, e vou escollendo un pouco ao chou a formación e os artefactos. No caso do personaxe activo vou trocando entre a dragoa (infantería) protagonista inicial, unha gardiá con feitizos de curación que apareceu na historia (protexendo á princesa/camareiro) e unha mercadora loura chamada Anyanka que creei co sistema de xeración de personaxes personalizados. Sería unha boa idea crear máis nalgún momento, quizais unha guerreira con Buffy como nome.

A narrativa polo de agora avanza lenta, pero xa mestura tristeza (está realmente a protagonista tan enferma?), medo (a máscara dá moito mal corpo), intriga (que pasa coa princesa da taberna?) e humor (máis ou menos rancio) en moitas das frases. Non sei se conseguirán pechar todo antes da fin do xogo ou si moitas desas tramas son secundarias e simplemente mencionadas para darlle algo de variedade. Verémolo na seguinte entrada!

  • Tempo de xogo: 6 horas.
  • Nivel de Pudding: 27.
  • Fama: a bailar!. Digooo, 17.