Cladun: This is an RPG. Capítulo 2

Ao final todos os puntos que mencionei na entrada anterior apareceron dunha ou doutra maneira neste segundo tramo de xogo. Por comezar polas últimas horas direi que creei unha nova feiticeira de pelo roxo chamada Willow, e que foi precisamente ela (apoiada por Pudding, Sherbet e Anyanka; poder de muller!) a que derrotou ao xefe final, que non derradeiro. Confirmei por tanto a suposición de que empregaría máis maxia ao ir avanzando nas mecánicas, e tamén que cada personaxe da historia poderá enfrontarse aos seus medos loitando contra este xefe final, obtendo unha superación persoal en forma de narrativa ao conseguilo. Non me molestarei en velas todas dentro de xogo xa que me abonda con ler os resumos.

Como agardaba dun xogo de Nippon Ichi, hai moito contido para continuar xogando logo dos créditos: novos alxubes, máis obxectos que mercar e unha morea de niveis de experiencia para todos os personaxes. Pero non teño pensado proseguir a miña aventura polo de agora. Xa me resultou un pouco pesado percorrer moitos dos labirintos deste segundo capítulo, sabendo que un pequeno traspés mandaríame de novo ao comezo do mesmo. O positivo é que a metade dos cartos e a experiencia gañada durante a incursión conservaríase para o futuro, polo que cada minuto investido sempre é unha vantaxe. Isto convértese nunha mecánica básica nos alxubes xerados ao chou, porque moitas veces chegaremos a un nivel onde teremos que pensar ben se decidimos saír do mesmo cos tesouros intactos ou se paga a pensa forzar un pouco máis e profundar na procura de mellores recompensas.

Non sei se era a mellor idea se falamos dende un punto de vista de máxima eficiencia, pero eses alxubes ao chou resultáronme a forma máis entretida de gañar algúns niveis de experiencia cada vez que me atopaba ante un muro de dificultade na progresión principal (e hai varios importantes). Dos obxectos que obtiña durante estas incursións non podo falar tan ben, xa que rara vez eran máis interesantes cós que podía mercar na tenda, polo que a miúdo gastaba todos os meus aforros en mellorar o meu equipamento, e os cartos nunca son suficientes. Por poñer un exemplo, agora mesmo teño na caixa preto de 22.000 moedas, e o equipamento máis caro ofertado anda polas 100.000 para cada peza de arma, armadura e escudo; e podería gastar inda máis para as melloras do círculo máxico sen problemas.

Enfronteime a este primeiro Cladun coma se fose un Zelda clásico, pero durante o transcorrer das horas resultoume máis semellante ao Diablo, ou polo menos a unha versión moi simplificada do mesmo. Coido que é un bo compromiso entre un xogo rematado cun presuposto limitado e outro cheo de funcionalidades que incrementaría o custo de desenrolo mais, seguramente, non as vendas. Hai un par de secuelas, pero non sei se traen algunhas novidades interesantes na parte de acción, que na miña opinión é a que máis o precisaría. Se cadra con algunhas habilidades activas máis interesantes e xefes finais con máis patróns desafiantes. Aí podería coller ideas tanto dos Diablos coma dos Zeldas.

  • Tempo de xogo: 18 horas.
  • Nivel de Pudding: 44.
  • Fama: 259.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.