<<

Super Mario World

Xa contara na entrada do Super Mario Land que o Super Mario World da Super Nintendo foi o único xogo co fontaneiro como protagonista que tiven en propiedade. E abofé que lle saquei rendibilidade no seu momento, xa que innumerábeis son as horas que lle adiquei a explorar e gozar dos seus niveis. Un bo impulso a esa exploración deuse cando merquei unha guía nunha tenda de libros de segunda man, porque grazas a ela conseguín atopar todas as saídas dos niveis. Doutra maneira non creo que fose capaz de adiviñar o camiño para chegar á terceira estrela do mundo ídem; recordo ben intentar facer de todo agás voar por debaixo da meta para chegar á segunda.

Hoxe inda lembro como obter as 96 saídas deste mundo de Super Mario, mais a miña habilidade nótase ben diminuída dende os meus tempos de ouro; tamén é certo que os controis da PSP co emulador son máis incómodos cós do mando orixinal, pero coido que o maior problema está no xogador. Realmente non tiven moitos problemas para superar os niveis, mais si que notei algúns movementos torpes pola miña parte e moitas veces xoguei sen arriscar para maximizar as opcións de chegar á meta. Non é bonito, pero o Mario coa capa voadora é capaz de banalizar os desafíos de gran parte dos niveis con ceo aberto, e non tiven reparos en abusar desa mecánica para completar o xogo desta vez.

Todo resultou moi semellante ao que lembraba logo de tantos anos, polo que non atopei sorpresas importantes. Algo que si que non diría que estaba tan presente son todos os textos que aparecen por un motivo ou por outro. Dende o texto inicial introducindo a aventura, até todas as caixiñas de axuda espalladas polos niveis, hai moitas máis letras das que recordaba. Coido que para un rapaz a idea de poñerse a ler en inglés, no lugar de saltar sobre as tartarugas, non é moi apaixonante. Pero tamén é certo que a narrativa non progresa máis aló de “Bowser secuestrou á princesa. Vai salvala!”

O mellor do xogo son as mecánicas do manexo do protagonista e o deseño dos niveis, de maneira que cada un síntese verdadeiramente único e interesante. Dende o segundo nivel do primeiro mundo (nunca fun moi admirador do primeiro), onde xa no comezo podemos golpear unha cuncha para eliminar a unha morea de tartarugas e logo montar a Yoshi por primeira vez, case todos os niveis teñen algo para facelos especiais, por moito que aborrezamos os que moven a pantalla automaticamente. Hai que facer unha mención ás casas encantadas, con solucións que vulnerar a lóxica habitual dos niveis e que requiren pensar e saír do ritmo dos mundos normais.

Agora xa é tarde porque o teño ben fresco, pero quizais tería sido un bo exercicio mental o tentar debuxar o mapa do mundo coas súas conexións, incluso con detalles dos propios niveis, e logo comparalo co verdadeiro xogo para ver que tal funciona a miña memoria lúdica. Apúntomo para dentro de moito tempo ou, se cadra, para outro xogo que controle tanto como este.

  • Saídas atopadas: 96.
  • Puntos totais: 1877430.
  • Vidas restantes: 54.
  • Vidas perdidas en Tubular: innumerábeis.