Pokémon Azul. Capítulo 1

Un colega que por aquel entón mercaba a Nintendo Acción cada mes falabame dos avances dun novo xogo de rol para a Game Boy con moi boa pinta. Convenceume até tal punto que merquei unha Pocket de segunda man e presenteime nuns grandes almacenes o día da estrea. Sorprendéronme as moreas de copias que había e o tema das edicións azuis e vermellas, xa que non imaxinaba que un xogo deste estilo podería ter tanto éxito nin sabía o das múltiples versións e as súas diferenzas. Ao final escollín o Pokémon edición azul polo monstro da portada e gocei moito de todas as aventuras polas terras de Kanto.

Neste novo reencontro decidín darlle un toque diferente adoptando as regras de Nuzlocke: só pode ser capturado o primeiro pokémon que atopemos en cada zona e cada un que chegue a cero puntos de vida non pode volver a ser empregado nunca máis. Desta maneira créase unha experiencia moito máis tensa na que cada monstriño é importante, empregando algúns que non tenden a ser membros habituais dos equipos titulares, e moito menos hoxe en día que xa teño ben localizados aos máis poderosos. Para reforzar isto, intento repartir un pouco a experiencia entre todos os pokémons, por non acumulala toda no inicial e superar por forza bruta todos os desafíos; seguramente esa sería a maneira máis sinxela e doada de ser “o máis mellor”, mais non a máis entretida.

No comezo escollín a Squirtle ao chou e fun capturando o primeiro pokémon que atopei en cada zona, agás na primeira porque inda non tiña as pokébólas para facelo. Isto resultou nunha gran colección de paxariños, mesturados con algún que outro pokémon máis interesante. Moitos remataron no cemiterio por ataques críticos, vulnerabilidades que eu xa non lembraba, forzar cos puntos de vida ou por unha mestura insandábel dalgunhas desas condicións. O xogo tampouco aporta maneiras eficientes de subir o nivel de todo un sexteto de forma equilibrada, xa que é moito máis doado empregar un ben forte que limpe ao inimigo logo de trocar o primeiro que queremos mellorar.

Por outra banda, o xogo adoece un pouco de agochar as mecánicas para darlle un aire máis simple. Xa non falo dos valores EV e IV, senón de opcións máis críticas para o xogador coma poden ser coñecer exactamente o que fará un novo ataque aprendido por un pokémon, xa que só se nos dirá o nome do mesmo e será cousa nosa o de determinar experimental o seu efecto. Iso podería serme un punto interesante nos meus tempos mozos, cando tiña más tempo e ganas para adicarlle ao xogo e cando era divertido descubrir as cousas cós compañeiros ao longo de todo un curso, pero hoxe en día seméllame máis ben unha estratexia para vender as guías oficiais e simplificar a parte de deseño.

Deixei a partida gardada na vila Lavanda, logo de terme perdido un pouco no túnel roca por mor de non poder aprenderlle flash a ningún dos meus bichiños. Polo de agora non atopei sorpresas nin nada extraordinario na narrativa, pero tampouco sáiome moito do camiño entre unha vila e a seguinte. As verdadeiras historias interesantes emanan do desafío Nuzlocke e as aventuras de cada un dos pokémon do meu equipo. Quizais foi mala idea o de non poñerlles un alcume único a cada un.

  • Tempo de xogo: 6.5 horas.
  • Equipo titular: Wartortle (34), Dugtrio (31), Persian (30), Vulpix (17), Spearow (16), Paras (8).
  • Medallas: 3.
  • Pokémons diferentes vistos: 61.
  • Pokémons diferentes obtidos: 17.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.