Pokémon Azul. Capítulo 2
Unha máxima da meirande parte dos videoxogos de rol, incluíndo todos os de Pokémon principais, é que sempre é posíbel loitar máis combates gañar algo máis de experiencia para ter máis forza, podendo repetir isto sen risco até que a dificultade do seguinte combate redúzase a uns niveis máis doados. Isto non se aplica tan claramente cando xogamos polas regras do Nuzlocke, xa que os monstros do noso equipo poden ficar eliminados sen remedio e o número de substitucións tamén está limitado. Pero son precisamente estas regras adicionais as que están a facer que este novo paseo por Kanto sexa emocionante, interesante e desafiante; claro que certo é que isto sucede porque non paso horas loitando contra inimigos de moi baixo nivel para potenciar o meu equipo.
Pero esa emoción, interese e desafío atópanse aí precisamente porque o risco dunha decisión mal tomada, ou un ataque crítico mal encaixado, pode ter consecuencias bastante importantes. Tal foi o caso cando perdín a Blastoise nun ataque suicida do último pokémon dun líder de ximnasio; era o meu aliado máis forte e o que contaba con ter até os compases finais da aventura. Pero pasou entón a ocupar un lugar de honra na caixa doce do servidor de Bill, o meu cemiterio particular, mentres que o Persian alberga agora as miñas esperanzas para levar o liderado do equipo até a vitoria final.
Mais o gatiño non se encontra só: un (polo de agora) mediocre Jolteon e un crecentemente poderoso Gyarados franquéano con forza. Este último xurdiu particularmente da necesidade de ter alguén coa habilidade de surf logo do desterramento de Blastoise. Logo de arrastralo para subilo de nivel, por fin é capaz de cargar o seu propio peso nos combates. Coido que non vou moi sobrado en canto aos niveis de experiencia e inda que iso sería algo que se pode arraxar con paciencia, non é algo do que queira abusar para obter unha vitoria fácil. Mellor forzar, pasalo ben e perder que asegurar unha vitoria logo de longos paseos por dous metros cadrados de xardín e volta de novo ao centro de curación dos pokémons.
Un lugar onde teño encontros pendentes contra adestradores, os que máis experiencia dan, é na longa baixada en bicicleta, xa que cheguei á cidade Fucsia pola ruta do leste e nin sequera obtiven o vehículo. Eu pensaba que o xogo era moito máis lineal, pero semella que pode haber certas variacións na orde de visita a certos fitos. Pode incluso que o meu percorrido non fora o máis axeitado e por iso perdín a Blastoise contra Koga antes de enfrontarme contra Sabrina. É probábel que o camiño máis rápido até a penúltima medalla sexa dende Paleta surfeando até o sur (non lembro se hai algo que impida facer iso), pero mellor aproveitarei para explorar todas as illas, gañar experiencia e engadir novos pokémons ao meu fato, inda que Articuno non poda ser un dos mesmos.
Todos este plans son respectado o autodesafío de Nuzlocke pero, no caso de fracasar, xa teño planificado rematar o xogo custe o que custe: “resucitarei” aos finados dende a caixa número doce e acadarei o título de campión sen vergoña ningunha. De acordo, algo de vergoña si que terei, pero poderedes contar coa miña honestidade e compartir a mágoa comigo no caso de tal fracaso. Agardamos que iso non suceda e Xogon remate como o “very best”.
- Tempo de xogo: 12.5 horas.
- Equipo titular: Persian (47), Jolteon (37), Gyarados (36), Cubone (20), Spearow (16), Paras (8).
- Medallas: 6.
- Pokémons diferentes vistos: 103.
- Pokémons diferentes obtidos: 25.