<<

Pokémon Azul. Capítulo 3

Como xa se puido ver nunha captura de pantalla no capítulo anterior o mundo de Pokémon é paralelo ao noso, con mencións a lugares coma Rusia, Suramérica ou datas coma as primeiras pegadas do home na lúa no 1969. Obviamente as diferenzas son importantes: dende os propios pokémons e a súa explotación por parte dos humanos até a falta de escolas e a incitación por parte dos adultos para que os nenos percorran o país sós. Isto último non quere dicir que o mundo sexa máis seguro para os cativos, xa que a miúdo serán atacados por membros dunha organización mafiosa, perigosos moteiros ou monstros xigantes. De seguro que os xardíns das casas estarán cheos de restos de rapaces atacados por abellas de trinta quilogramos.

Pero as aventuras protagonizadas polo meu avatar foron máis satisfactorias e menos dramáticas ca iso. Logo de desartellar ao Team Rocket e conseguir todos os trofeos dos ximnasios, conseguín chegar até a Meseta Anil, lar do Alto Mando e derradeira parada antes de ser proclamado campión. Aproveitei o momento para gañar algo de experiencia e afianzar o trinomio Persian/Jolteon/Gyarados. A estas alturas, sen adestradores rivais dispostos a loitar contra min, cada punto de experiencia conta, e os que obteño de batallas ao chou non son especialmente abundantes para todos os que preciso. Logo de darme unhas voltas polo planta eléctrica, a Mansión Pokémon e a Rúa Vitoria, decidín que subir máis niveis non era divertido e que era preferíbel perder o desafío Nuzlocke que entrar no tedio. Desta maneira con Jolteon ao nivel 55, Persian ao 54 e Gyarados ao 58 (66 logo de darlle os caramelos raros que tiña gardados) encamiñeime para loitar contra os catro da elite.

Lorelei caeu vítima dos tronos de Jolteon. Bruno pouca opción tivo contra os ataques de auga do poderoso Gyarados. Agatha e Lance non foron tanto paseo, pero a colaboración entre as evolucións de Eevee e de Magikarp foi abondo para dar boa conta dos dous. Figaba entón o arquienemigo Nogox para rematar o xogo e o desafío con éxito. Dos seus cinco primeiros pokémons só tiven problema con Alakazam, pero tiven sorte ao paralizalo e que non actuase durante tres quendas consecutivas. Contra o definitivo, Venosaur, non tiña unha boa resposta no meu equipo, polo que comecei con Persian e unha mestura de chantadas e pocións. Desta maneira conseguín deixalo ao 40% de vida antes de que o meu felino recibise un raio solar e finase (podería telo cambiado, pero preferín facerlle máis dano). Gyarados foi capaz de poñer entón o punto final. Proclameime campión de campións logo de moito tempo e o meu desafío Nuzlocke foi un éxito!

Non teño pensado volver ao mundo de Pokémon nun futuro próximo, pero pode que a vez vindeira tamén aplique as mesmas regras inda que sexa a miña primeira partida a esa edición en particular; despois de todo, no caso de que se fracase, sempre se pode recuperar a partida do modo habitual. Foi unha mágoa que aparecen tantos paxariños e ratas nos primeiros encontros ao chou, e non sei que dirán os máis puristas de que teña empregado á Eevee agasallada ou ao Magikarp mercado por cincocentas moedas; eu entendo que respectan as regras pero supoño que tamén van un pouco en contra do espírito das mesmas.

  • Tempo de xogo: 18.5 horas.
  • Equipo gañador: Gyarados (67), Jolteon (57), Pidgeot (36), Seel (30), Cubone (20).
  • Pokémons diferentes vistos: 134.
  • Pokémons diferentes obtidos: 35.