The Walking Dead. T1E1

Nunca lin unha páxina das bandas deseñadas de The Walking Dead, e coido que tampouco aturei espero un capítulo enteiro da súa serie de televisión. Pola outra banda, tampouco son moi afeccionado ás aventuras gráficas/dramas interactivos, como se pode desprender do feito de que non falase de ningún xogo deses estilos neste blogue. Non obstante o xa clásico de Telltale Games apareceu na miña ludoteca virtual de balde, polo que decidín darlle unha proba e ver se a miña opinión coincide coas das críticas máis positivas, que non son poucas.

A primeira elección que temos que facer, antes de sequera saber como funciona o xogo, consiste en decidir se queremos que o HUD se agoche na medida do posíbel, facendo a experiencia máis inmersiva a costa de aumentar un pouco a dificultade. Eu optei por minimizalo coa idea de non distraerme da narrativa e interpretar ao protagonista coma se fose un xogo de rol. As explicacións das mecánicas insisten moito en que as decisións importan e que poden ter consecuencias duradeiras. Eu vira non fai moito a interesante charla de Cassie Phillipps titulada All Choice No Consequence: Efficiently Branching Narrative, baseada nuns videoxogos moi particulares pero que á miña mente tamén lle serviu como entretemento para analizar o metaxogo deste Walking Dead e descubrir os truquiños que aplican con este obxectivo. E a verdade é que está ben conseguido, a pesar de que fican moi claras estas trampiñas.

Neste primeiro episodio encarnamos a Lee Everett, un home camiño do cárcere por un crime que semella que si cometeu. Pero importa realmente iso? Nos primeiros minutos da experiencia comezará o apocalipse zombi, o que poder servir coma un novo e violento reinicio á súa vida dentro dunha nova sociedade. Unha nova vida que será moi curta se o xogador non entende ben as mecánicas de control e insiste en dispararlle ao primeiro zombi que aparece cunha escopeta descargada. Logo dese pequeno fracaso, apañeime para completar o resto do episodio sen volver prematuramente á pantalla de xogo rematado.

O protagonista relacionarase con algúns outros personaxes coas cadansúas personalidades e obxectivos. A máis importante é Clementine, unha pequena pícara probabelmente orfa que será a protexida do protagonista. Eu decidín devorcar todo o meu agarimo virtual nela para compensar a súa soidade e facer a súa vida o menos merdenta posíbel. Mais ela ten un imán para os mortos viventes e xa leva dous sustos gordos en pouco tempo. Iso, combinado con que lembro algunhas mencións ao triste que é o xogo, lévame a pensar que seguramente non remate esta primeira tempada viva. E inda diría máis: a sorpresa para min sería se finalmente sobrevivise, pero non por iso deixarei de prestarlle atención e axudala na medida do posíbel.

Este primeiro episodio deixoume un bo resaibo inda que as partes de acción non encaixaban de todo co funcionamento das mecánicas. Eu tiña pensado xogalo en parella, pero a necesidade de ter que actuar e responder as preguntas con tanta axilidade non se leva ben cunha pequena discusión. Non procurei por se hai algunha solución para iso, pero sería unha boa idea ter algunha opción para aumentar o tempo de reacción, non só para este caso senón tamén para que aqueles xogadores menos áxiles non se sintan inda máis afastados sen necesidade.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.