The Lost Vikings

A comunidade metaleira atópase dividida sobre se Dethklok ten calidade musical ou non. Eu son parte do grupo que abofé que si, e iso que non vin máis que capítulo e medio de Metalocalypse. Con todo, póñome de cando en vez o Dethalbum e movo a cachola ao ritmo dos seus riffs. O mesmo que facía xogando a este The Lost Vikings sempre que lembraba a canción do mesmo nome de Dethklok. Non ten nada que ver unha cousa coa outra máis aló do nome, xa que nesta versión interactiva os viquingos non van montados nin saíron da comodidade da súa aldea para loitar contra inimigos: foron abducidos, por un extraterrestre. Iso pasou xusto logo de aparecer a miña liña preferida de todo o guión: “Life is good. I hope I never have to leave my beloved village”.

Nese momento tomaremos o control dos nórdicos protagonistas ou, mellor dito, dun nórdico protagonista. A característica principal deste xogo é que só poderemos manexar un de cada vez e teremos que ir alternando entre os tres para superar os desafíos que atopemos. Esta colaboración entre Erik, Olaf e Baelog é sinerxética, xa que cada un ten habilidades únicas e todas son precisas para atopar a saída cara o seguinte nivel. A xogabilidade resultante é unha mestura entre un plataformas clásico e un crebacabezas. O compoñente de acción e precisión vai aumentando a súa importancia a medida que avanzamos nos niveis, polo que tamén hai que ter certa habelencia co mando da Super Nintendo.

As habilidades dos viquingos son claras e doadas de reproducir mentalmente para planificar ben os seguintes movementos. Como consecuencia, o meu proceso ante un novo nivel divídese en tres pasos: explorar a parte accesíbel do nivel, pensar a maneira de avanzar e, por último, executar o plan. A miúdo algo sairá mal nalgún dos tres pasos e un protagonista acabará morto. O xogo permite entón, con moi bo criterio, continuar cos normandos restantes para explorar ou practicar as partes de precisión un pouco máis. Non é posíbel superar o nivel a non ser que os tres cheguen vivos até o final do mesmo, pero poderemos repetilo dende o comezo tantas veces como precisemos.

Cada certo número de niveis saltaremos a un novo mundo, con novos decorados, inimigos e desafíos. Todos son anacrónicos aos viquingos e serán os propios protagonistas os que salientarán as incongruencias moitas veces, incluso con comentarios que tampouco encaixan cos seus supostos coñecementos, pero sempre con humor. E non só serán as liñas de diálogo as que nos farán sorrir, tamén os xestos, especialmente en momentos complicados, teñen a súa graza.

Con todo, nótanse os anos do videoxogo, máis aló do humor e de que as únicas mulleres que aparecen só sirvan para soster bebés ou para ser rescatadas. Se fora feito hoxe en día o xogo estaría cheo de coleccionábeis ocultos e, seguramente, acadamentos por cousas como non sufrir danos ou rematar rapidamente os niveis, se cadra co típico sistema de “tres estrelas” que tan pouco me gusta. Hai moita marxe de acción para un velocista dixital que intente minimizar os cambios de personaxe e maximizar o solapamento entre os seus movementos. Diría que intentar alcanzar a saída no menor tempo posíbel é a evolución lóxica deste plataformas e unha boa maneira de sacarlle inda máis horas de entretemento.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.