<<

Rhapsody: A Musical Adventure. Capítulo 1

O meu capítulo preferido de Buffy, cazavampiros é Once More, with Feeling. As cancións son boas e a trama avanza de boa maneira logo do acontecido ao longo da sexta tempada. A combinación das melodías pegañentas coas letras apropiadas para a narrativa é maxistral, especialmente cando estas se poden extrapolar á vida real de cada un, ao igual ca moitas outras metáforas da serie. Non é raro entón que cando lin que o Rhapsody: A Musical Adventure empregaba cancións cantadas para avanzar a trama deste xogo de rol, aproveitando as capacidades de almacenamento dos cedés da PSX, saíra disparado a probalo a todo volume.

Este videoxogo marcou a estrea dos xogos de rol de Nippon Ichi fóra de Xapón, e nótase o seu particular estilo cómico, inda que non posúe a dificultade característica doutros dos seus xogos futuros. Eu escollín o maior nivel de dificultade e, polo de agora, só tiven un pequeno susto por meterme nunha área na que inda non me tocaba: sobrevivín pero ronpéronme todas os monicreques. O custe de reparalos era moi elevado, polo que fun en contra dos meus principios e cargue unha partida garda un par de minutos antes. Iso que inda non gastei dos miles de inotiums (a moeda do xogo) que teño, pero de seguro que serán útiles máis adiante.

A meirande parte dos combates comezan ao chou cando nos movemos por algún alxube, ao estilo tradicional do xénero. Pero as loitas seguen os convenios dos tactics, inda que dunha maneira máis simple e áxil. Se empregamos algún dos feitizos máis poderosos o encontro pode rematar na primeirísima quenda, e o gasto en puntos de maxia non tende a ser moi relevante porque reénchense ao subir de nivel o ao interactuar con algunha estatua, ambas cousas moi comúns. Agora mesmo, tras tres horas e media de xogo, a protagonista xa chegou ao nivel 16, e iso que tampouco levo moitos combates loitados.

Case todo o tempo de xogo paseino paseando e falando cos diferentes habitantes do reino de Marl, xa sexan persoas ou monicreques. Até onde eu sei, a protagonista que manexamos é a única que pode escoitar o que din eses bonecos, algo que a fai bastante especial. Pero o seu soño pasa por coñecer (e algo máis) ao príncipe solteiro, algo que xa non a fai tan especial porque semella que a meirande parte das adolescentes do reino tamén adoecen por el. Ao final conseguiu chegar a falar coa súa alteza a soas, pero ao pouco houbo un lío e o príncipe rematou secuestrado e convertido en pedra. Agora a boa de Cornet terá que atopar cinco pedras máxicas (e facer algo máis) para corrixir o meigallo.

Até este momento a experiencia é positiva, máis que nada polo divertido dos diálogos. A xogabilidade polo de agora resúmese en desentrañar cal debe ser o seguinte paso a dar, dalo, e repetir, se cadra con algún combate sinxelo polo camiño. A comparación non é de todo xusta, pero recórdame un pouco a algún xogo feito con RPG Maker con pouco interese lúdico. Inda que tamén é certo que a fórmula que enunciei describe a moitísimos xogos deste ou doutro estilo, pero dáme a impresión de que neste é máis esaxerado.

  • Tempo de xogo: 3.5 horas.
  • Equipo titular: Cornet (16), Sharte (15), Kid (15), L-kun (14).
  • Inotium: 12310.