<<

Slay the Spire. Capítulo 3

Xa falei de todas as bondades que ten a parte lúdica deste Slay the Spire, pero os desenvolvedores tamén fan un bo traballo levando o xogo ao día mediante arranxos de erros, parches para equilibrar os diferentes compoñentes e até, neste caso extraordinario, unha nova protagonista cos seus novos mecanismos e unha colección de cartas novas, por non falar das reliquias a xogo. O máis característico desta sentinela son as súas posturas de loita, que lle permiten estar en calma, ira ou divindade, con diferentes efectos para axudarlle a vencer aos seus rivais. Un enfoque innovador e que funciona moi ben.

Dende a última entrada sobre este xogo botei algunha partidiña, tanto no modo de desafíos diarios coma intentando ascender (con pouco éxito) no modo ascensión. Fun alternando os personaxes intentando atopar ao meu preferido, mais non logrei dicir iso con seguridade sobre ningún dos tres primeiros. Agora saíu a sentinela e leva varios postos gañados nas catro partidas que xoguei con ela nos últimos días, mesmo que inda non desbloqueei todas as reliquias que dependen dela. Pero hai tempo de sobra para facer iso se decido subir algúns niveis do modo ascensión, se cadra considerándoa coma o meu personaxe favorito.

Non negarei que, se cadra, só se está a converter no meu personaxe de cabeceira porque semella bastante poderosa nesta versión 2.0. No meu primeiro intento, sen coñecer nin a primeira das cartas, conseguín chegar até a loita adicional contra o corazón. A miña baralla non estaba nin un pouco preparada para tal desafío que, dito sexa de paso, xa nin lembraba a súa verdadeira dificultade. A idea da combinación de cartas baseábase no naipe de ataque que volve á man tras cambiar de postura e en aproveitar o momento de ira para esnaquizar ao inimigo nunha última quenda.

O meu segundo tento tiña moi boa pinta, pero finalizou no andar duodécimo por tentar forzar máis da conta, polo que non detallarei esa partida. Á terceira foi a vencida. Desta vez a baralla xiraba en torno á mecánica de adiviñar, xuntando moitas cartas con esa palabra chave con outras que facían dano ou aprovisionábanme de bloqueo cada vez que se adiviñaba. O resultado foi moi efectivo, xa que na práctica case podía escoller que cartas xogar en cada momento. As reliquias tamén axudaron bastante, porque algunhas abastecíanme de máis cartas ou dábanme vantaxes pola gran cantidade de efectos que poñía en xogo cada quenda. Pero a máis obvia foi a que me deu unha quenda máis, devolvéndome a vida logo de que o corazón final rematase con ela, xusto o que precisaba para finalmente conseguir a vitoria.

Para rematar, comecei outra partida no primeiro nivel de ascensión. No comezo troquei a reliquia inicial por unha ao chou, obtendo un punto de enerxía adicional a cambio de non ver as intencións dos inimigos. Pensaba que sería unha aventura curta, mais apañeime para chegar ao xefe do acto terceiro cunha baralla con tanta ganancia de enerxía que semellaba que estaba a xogar ao Alta Tensión. Só perdín porque, contra toda estatística, non fun capaz de saír da postura de ira a tempo e recibín un impacto de máis de setenta puntos de dano. Cun pouquiño máis de sorte nesa última quenda de seguro tería sobrevivido e esnaquizado ao lobo na seguinte oportunidade.

  • Horas transcorridas (sentinela entre parénteses): 44.5 (4.5).
  • Vitorias: 16 (2).
  • Derrotas: 38 (3).
  • Andares subidos: 1821 (173).
  • Xefes matados: 86 (9).
  • Inimigos matados: 1836 (148).