Slay the Spire. Capítulo 4
O Slay the Spire segue a ser un dos meus xogos favoritos; incluso o considero inspirador á hora de aprender a levar un xogo dende unha idea orixinal até unha boa culminación. Co obxectivo de saber máis sobre os límites do mesmo, decidín darlle un bo tento aos acadamentos que me faltaban por conseguir. Velaquí un pequeno resumo dos que obtiven nesta cuarta etapa:
- Pureza: ten 3 ou menos cartas na man, na pila de extracción e na pila de descartes en total. Tiña un pequeno mazo de defensa co Ironclad e unha maneira sinxela de esgotar unha carta en cada volta do mazo; foi cuestión de atopar un inimigo feble e deixar pasar as quendas.
- Atrincheirado: ten 999 bloqueo durante un combate. Conseguido na mesma loita có acadamento anterior, inda que me levou moitísimo tempo xa que xo gañaba limpos entre 5 e 15 de bloqueo por quenda. Polo menos aprendín a empregar o teclado para xogar máis rápido.
- Sentido común: gaña o xogo cun mazo sen cartas non comúns nin raras. Tamén co Ironclad e unha mestura de defensa, dano e roubar moitas cartas para sacarlle partido as reliquias. Levoume menos tentos dos que imaxinaba.
- Jaxxeado: ten 50 ou máis forza durante un combate. Mesmo personaxe e mesma estratexia que para “atrincheirado”: procurei un rival sinxelo e deixei que o pacto demoníaco subise a miña forza pouco a pouco.
- Catalizador: aplica 99 ou máis veleno a un só inimigo. Ista partida foi curiosa porque estiven intentando conseguir o logro de gañar cunha única reliquia e troquei a inicial da silenciosa pola que lle pon custes ao chou ás cartas. Non conseguín gañar a partida, pero grazas a conseguir duplicar co pesadelo as cartas de veleno directo cando estas valían cero, logrei superar os 99 de veleno sen ter que aplicar nunca un multiplicador.
- Minimalista: gaña unha partida cun mazo de 5 cartas ou menos. Outra partida coa silenciosa na que, por vez primeira, conseguín aproveitar ben o gran final, grazas a dous backflips que me permitían xogalo unha e outra vez. De feito esa baralla tamén serviume para conseguir os dous seguintes.
- Non es nada: derrota a un xefe na primeira quenda. O pobre non tivo oportunidade.
- O transitorio: derrota ó Transitorio antes de que se esvaeza. Inda que case escapa e tiven que empregar algunhas das pocións que tiña.
- Concentrado: ten 25 ou máis de concentración durante un combate. Mesma filosofía que cos do Ironclad de máis arriba: frear a loita até conseguir o obxectivo. Desta vez tamén tardei moitas quendas porque tiña unha baralla enorme que crecía tras cada volta.
- Neón: canaliza 9 orbes de plasma nunha soa quenda. Xoguei un meteoro duplicado e logo o pesquei de novo da pila de descartes para volvelo a xogar.
- Escalador veloz: gaña unha partida en menos de 20 minutos. Moito máis sinxelo do que semella unha vez que a estratexia está clara. Eu fun co Ironclad e o seu tornado. Tiven unha primeira partida rapidísima pero necesitaría media quenda máis. Dúas partidas despois obtiven o logro máis lentamente pero con 90 segundos de marxe.
- Ninja: xoga 10 navallas nunha soa quenda. Levoume moito máis do que imaxinaría porque teñen que darse moitas circunstancias: hai que ter as cartas precisas, xogalas na quenda e que o inimigo non se morra antes de atacarlle coa décima.
Agora xa só me quedan catro acadamentos (máis o especial por conseguilos todos): dous relacionados co modo ascensión, que me parece moi esixente, non tan divertido e estou deixando de lado polo de agora; o de gañar unha partida cunha única reliquia, no que levo algúns intentos sen éxito; e o de xogar a carta de alimentarse no inimigo rosquilla, que depende de ter a carta, chegar até o final e que toque ese xefe final. Intentei conseguir eses dous últimos nunha mesma partida pero perdín por avaricioso.
- Horas transcorridas: 81.
- Vitorias: 38.
- Derrotas: 79.
- Andares subidos: 4138.
- Xefes matados: 194.
- Inimigos matados: 3875.