<<

Torchlight. Capítulo 1

Dende os primeiros acordes deste Torchlight o xogo intenta enviarnos ao Tristam do Diablo. Eu pasei máis tempo no pequeno nivel post-apocalíptico da segunda entrega rescatando a Deckard Cain ca na primeira falando con Griswold e compañía; de feito, para min Griswold sempre será ese morto vivente que che maldicía a base de puños. Algún día terei que reinstalar ese Diablo orixinal e rematalo, pero polo de agora chégame con este clon no que non só se copia a musiquiña e moitos dos efectos de son, senón que tamén moitos outros sistemas e mecánicas desas dúas primeiras entregas da louvada saga de Blizzard. De feito eu o vexo como unha reimplementación do primeiro con algunhas das cousas que destacaban no segundo, e a combinación funciona ben.

O meu primeiro personaxe en serio foi unha vitoriosa especializada nos ataques a distancia. Considérome un experto nos xogos deste estilo, polo que fun directamente á dificultade máis elevada, o que significa que os inimigos golpearán máis forte e aturarán mellor os tiros desta amazona. Non hai ningunha compensación respecto ao modo fácil, agás algúns acadamentos sen efectos na xogabilidade e os dereitos de brasonar no teu blogue sobre o mesmo (e obviamente facelo non está rifado cunha vida satisfactoria!). Ao comezo, esta dificultade notábase pouco, simplemente parecendo que o noso equipamento sempre precisaba unha mellora, pero cando chegamos aos niveis máis baixos do alxube comezamos a notar ben os efectos do incremento de dano dos inimigos.

Cada certo número de niveis descendidos no alxube troca o ecosistema e, con el, o elenco de inimigos para esnaquizar e para ser esnaquizado por eles. No último deses ecosistemas atópanse as celotas escuras, unha poderosas feiticeiras que poden invocar un bo feixe de esqueletos ou mover un dedo para lanzar un poderoso feitizo elemental. Este, na súa variedade eléctrica, pode chegar a facer máis de 2.200 puntos de dano de maneira instantánea, cando a miña pistoleira tiña 600 puntos de vida máxima. Estaba lonxe de ter unha partida sen mortes, pero neste tramo de niveis o número das mesmas disparouse moito. O meu estilo de xogo tivo que cambiar para ir con máis calma e disparando aos novos currunchos antes de ver aos inimigos para que non puidesen matarme simplemente movendo un dedo.

A miña habilidade de ataque principal a partir do nivel quince foi o disparo que causa unha explosión ao chocar contra un inimigo ou ao chegar ao seu alcance máximo, algo moi útil para eliminar a esas malditas celotas fóra do rango de visión. A explosión, ao igual cás outras habilidades de disparo que probei, non segue unha liña recta entre o personaxe e o cursor, senón que hai unha variación do ángulo ao chou. Supoño que se trata dunha decisión para que estas habilidades non sexan tan poderosas e podan convivir co ataque básico, no canto de facerlle sombra. Ao final fiquei acostumado a esta característica e incluso saqueille partido disparando coma unha louca.

O inimigo final, claramente inspirado polo Diablo orixinal, recibiu algúns centos de explosións antes de ficar morto. E iso porque, após o primeiro encontro contra el, volvín a outros alxubes para gañar máis puntos de experiencia, fama e cartos para mercar pocións abondo para aguantarlle o ritmo a Orthanc e aos centos de dragóns que invocou durante a loita. E non pensedes que esaxero cando falo de centos de explosións e dragóns. Menos mal que, sen motivo aparente, de cando en vez absorbía a todos e estes botaban ao chan máis pocións de vida e de maná. Dáme a impresión de que ese movemento debería de curarlle proporcionalmente ao número de absorcións, pero se cadra limitouse dito efecto a posteriori por ser moi frustrante.

  • Tempo de xogo: 12.5 horas.
  • Nivel de experiencia: 30.
  • Nivel de fama 20.
  • Oro obtido: 162629.
  • Pasos: 49009.
  • Mortes: 66.
  • Monstros asasinados: 8635.
  • Campións asasinados: 168.
  • Pocións empregadas: 849.