Torchlight. Capítulo 2

Atopábame de vacacións e con poucas ganas de facer algo produtivo, polo que lle botei un ollo aos acadamentos deste Torchlight en Steam para ver se podería subir a miña porcentaxe de completados, un vicio como calquera outro. Chamoume a atención o de superar o xogo en menos de cinco horas. Hai en YouTube un señoriño que o fai en menos dunha hora, no modo fácil e comenzando dende cero pero aproveitando algúns erros que xa non están presentes na versión actual. Non me mirei máis ca algúns minutos soltos do vídeo, pero pensei que non tería moitos problemas para conseguir o acadamento de baixar das cinco horas, por moi lonxe que quede do límite dunha hora.

Para minimizar os riscos aproveitei á vitoriosa do capítulo anterior, gardando todos os obxectos que levaba equipados e retirándoa coma antepasada desta nova personaxe da mesma clase. Desta maneira xa tería equipamento para as medras e a pequena bonificación á fama inicial tamén axudaría xa dende o comezo. O meu plan era correr por todos os alxubes e só parar para derrubar aos campións inimigos, xa que semella a maneira máis eficiente de gañar experiencia e fama. Esa parte do plan funcionou ben e nunca me atopei cun nivel de experiencia baixo respecto aos inimigos e, ademais, serviume para ampliar a miña colección de obxectos únicos e conxuntando, mellorando algunhas das pezas herdadas.

Respecto ás características e habilidades centreime en poder axeitar as armas e armaduras o antes posíbel, deixando o disparo rebotante e o explosivo como as únicas habilidades activas para dar boa conta dos inimigos. Non tiven problemas con ningún dos xefes do alxube principal. Xa contra Orthanc, o último que conta para o modo historia, volvín a notar o brinco de dificultade polo gran número de puntos de vida que tiven que limarlle, pero pouco máis. Logo dun ratiño converténdoo nun alfileteiro, ao mesmo tempo que desenvolvía unha adición ás pocións azuis, por fin caeu e apareceron as notificacións dos acadamentos: non só as de velocidade, senón que tamén outro por superalo sen morrer nunca. O tempo de xogo foi inferior ás dúas horas.

Coa experiencia fresca, e máis vacacións por diante, decidín repetir a fazaña, pero esta vez no modo incondicional onde só temos unha vista. Retirei á protagonista da anterior carreira, deixándolle un rifle personalizado á nova. Non se poden compartir máis obxectos entre personaxes incondicionais, inda que nada impide aproveitar o nivel fácil dunha categoría para equipar a outros de dificultades máis elevadas. Esta nova reencarnación tamén superou o xogo en menos de dúas horas, comezando o alixo de obxectos únicos para os meus personaxes mortais. Aquí si que tiven algún sustiño e xoguei con máis calma, especialmente nos últimos cinco niveis do alxube para non botar todo por terra.

E nese momento decidín parar polo de agora. Pódolle sacar máis entretemento a este xogo que tiña abandonado: conquistando novas dificultades do modo mortal, experienciando o contido adicional ao rematar a historia, probando as outras dúas clases masculinas que nin sei de que van ou simplemente pasando o rato esnaquizando a todas esas criaturas corruptas que hai polo mundo de Torchlight. Mais sexa o que sexa será noutra entrega, que poño o feche aquí para continuar coas miñas merecidas vacacións.

  • Tempo de xogo (normal/incondicional): 1.5/2.
  • Nivel de experiencia: 24/26.
  • Nivel de fama: 16/16.
  • Oro obtido: 25754/44309.
  • Pasos: 9158/10276.
  • Mortes: 0/0.
  • Monstros asasinados: 2998/3647.
  • Campións asasinados: 100/111.
  • Pocións empregadas: 166/209.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.