Trigono

Recoñecerei que hai varios videoxogos que me teñen boa pinta nas tendas de aplicacións de Android, pero que me nego a instalar polo depredadores que son os seus plans económicos e porque non me fío de que non pecharán os servidores cando lles pete. Dun tempo a esta parte doulle máis e máis importancia á posibilidade de ter a liberdade de repetir a experiencia cando me pete, non colaborando nin con analíticas a todos eses xogos que serán parte do gran apagado que atoparán os ludólogos cando intenten rememorar os xogos de móbil desta época (de seguro que algo similar pasará coa meirande parte dos xogos grandes de finais desta década, pero non pretendo ser tamén un ludo-futurólogo afeccionado). Obviamente non teño problema cos xogos honestos como Airport PRG ou Monument Valley e, por iso, bótolle de cando en vez un ollo a aqueles que non teñen compras consumíbeis nin están afogados en publicidade. O Trigono desta entrada é outro bo exemplo positivo.

Claramente pertence á escola do Super Hexagon, coas súas formas xeométricas, música electrónica, controis sinxelos, xogabilidade rápida e luces e movementos para manter ben afastados aos nosos amigos epilépticos. Neste caso os niveis duran menos de medio minuto nun escenario triangular onde manexaremos a outro triángulo máis pequeno, premendo o lado esquerdo da pantalla para que troque o sentido da súa marcha e o dereito para que brinque até a seguinte arista. Desta maneira teremos que sobrevivir até a fin dos perigos de cada nivel para avanzar no modo “historia”, que non consiste noutra cousa ca unha serie de desafíos agrupados en capítulos cunhas ideas comúns e separados por unhas divertidas cinemáticas, inda que bastante inconexas. No menú principal tamén aparece un “modo sen fin” pero non se atopa dispoñíbel para xogar polo de agora (e non ten moita pinta de que vaia ser implementado cedo).

Logo de completar os oitenta e seis niveis que compoñen as tres primeiras “historias” amósanse os créditos, polo que supoño que iso conta con acceder o final oficial do mesmo para unha táboa-resumo que teño previsto facer algún día. Non obstante, hai unha cuarta historia que eleve a dificultade bastante respecto ás anteriores, e só conseguín superar dez das vinte e nove até que me din por derrotado logo de cinco horas totais co xogo. O sistema de memorizar as zonas seguras en cada intre viuse superado pola gran cantidade de cousas perigosas que se atopan en movemento ao mesmo tempo, de maneira que inda que fun capaz de facer un complicado brinco algunhas decenas de veces non conseguín nin pasar de aí nin adiviñar cal debería ser o seguinte paso, obtendo unha nova morte cada quenda. Foi abondo!

Obviamente este Trigono non deixará pegada en ningún canon videoxoguil, pero inda gardaba unha sorpresiña máis, da que non me decatei até o momento de desinstalalo: non consumiu nin un byte de datos. Iso significa que nin intentou roubar datos persoais e que nin sequera entrou no territorio máis gris das analíticas de emprego da aplicación; seguramente esa é a razón pola que na mesma descrición da entrada da Play Store os desenvolvedores piden que deixes un comentario co nivel que acadaches. Eu non podo ver directamente os comentarios doutros xogadores porque, inda que teño o meu móbil configurado como que entendo galego, castelán e inglés, a aplicación de Google decide amosarme só as críticas neste idioma de Xela Arias, que non soen ser nin moitas nin moi útiles. Xa lles reportara iso mesmo como unha solicitude de nova característica, pero leva meses sen resposta e non ten pinta de que vaia trocar cedo. Até entón, sintonizade esta páxina para descubrir máis xogos interesantes!

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.