Keep Talking and Nobody Explodes. A experta
Por vez primeira, hoxe non son eu o que vos fai falar dun xogo. Nesta ocasión conto coa colaboración especial de Tania, á cal podedes ler habitualmente no blogue de Petite Blasa. Agardo que vos guste e moitas grazas pola súa achega!
Ola a todos!
Cando Xogón me convidou a xogar ao Keep Talking and Nobody Explodes, a miña experiencia máis similar era a de ter botado moitas tardes tratando de fuxir de habitacións de escape cutrísimas a principios dos 2000. Imaxino que, para os entendidos, ambas cousas non teñen demasiado que ver, pero na miña limitada andadura no mundo dos videoxogos esta asociación axudoume a situarme.
A premisa era a seguinte: Xogón tiña que desactivar bombas, coa axuda de dúas expertas, entre as que me atopaba, guiadas por un manual. Cada bomba consta de diferentes módulos, ata un total de once, xerados de maneira aleatoria. O equipo dispón de determinado tempo para lograr a desactivación, ás veces podendo cometer certo número de erros antes de que a bomba estoupe. A medida que o xogo vai avanzando, os módulos son máis complicados e o tempo, máis limitado.
Os xogadores non teñen por que compartir espazo físico. O encargado de desactivar as bombas precisa dun ordenador ou outro dispositivo similar, mentres que os expertos teñen suficiente con visualizar o manual en pdf nun monitor. Nós xogamos a distancia, facendo uso dunha chamadiña de teléfono. Se ben esta circunstancia apórtalle certo realismo á situación, tamén dificulta a resolución dalgúns módulos: aqueles nos que é preciso pronunciar letras, por exemplo. Ademais dos segundos, valiosísimos sobre todo nos niveis máis avanzados, que se perden preguntando cousas como “¿Eh?”, “¿Con quen falas?”, “¿Que dixeches?”.
Visualizar o manual en pdf, que ten máis de vinte páxinas, resulta tremendamente cómodo pola parte de poder realizar unha busca do módulo a resolver nese instante, aínda que ter unha copia impresa facilitaría moitísimo certas tarefas, lapis mediante.
Despois de tres sesións, parece que a clave estaba en ter claro cales son as fortalezas de cada experta e asignarlle os módulos en consecuencia, tratando de que as diferentes conversacións non se solapen.
Dádelle un intento, que está divertido!