Gauntlet IV

Un dos grandes éxitos da Master System na miña casa era o Gauntlet, un xogo que viña directamente dende as recreativas (inda que eu nunca o vin nun deses salóns) e que nos permitía percorrer un número inmenso de labirintos diferentes ao mesmo tempo que aniquilábamos miles e miles de inimigos. Non importaba a razón pola que os protagonistas cometían tal intento de xenocidio nin de como saían tantos homes dunha casiña tan pequena; tampouco que os alxubes non tiveran fin e que o destino de todos os aventureiros fose a irremediábel morte. Uns poucos anos máis tarde chegaría a miña casa este Gauntlet IV, a quinta entrega da saga, co mesmo modo “arcade” que tamén nos levou moitas horas aos tres xogadores do club do sofá.

Cando ficaba só non adoitaba poñer este xogo na Mega Drive, pero de vez en cando arrancábao no modo “quest”, do que me gustaba máis a idea que realmente xogalo. Neses primeiros anos noventa eu era claramente un rapaz que gostaría dos xogos de rol pero que non tiña nin os libros, ni amigos con coñecementos precisos e nin sequera un videoxogo que empregase ben os conceptos. O modo “historia” deste xogo permitía gañar experiencia para mellorar as habilidades, mercar obxectos e atopar tesouros. Soaba ben, pero a xogabilidade baseábase en resolver crebacabezas espaciais, algo que nin me apetecía moito nin me encaixaba coa acción frenética do modo clásico. Inda por riba a maneira de gardar a partida era anotar un longo contrasinal e logo transcribilo sen erros… e algunha vez ou ben perdín o papeliño onde a anotaba ou ben copiei mal a clave.

Preto dun cuarto de século máis tarde, atópome de novo manexando a valquiria, con ánimos abondo para os crebacabezas espaciais e coa función de gardar a partida nun emulador para non ter que andar con notiñas. A miña memoria de xogón non me defraudou e dende o primeiro minuto estaba a aplicar todas as técnicas de loita de veterano: aproveitar os currunchos entre quinteiros para disparar sen risco a través deles, aliñar aos inimigos para que non saian da traxectoria das miñas espadas ou dispararlle sen querer aos saquiños de comida… polo menos desta vez non teño a ninguén ao meu carón berrándome por facelo. Tamén lembraba os detalles principais de como avanzar dentro das catro torres elementais do modo historia, inda que nunca chegara a ver uns deses dragóns dos que se falaban nas lendas (agás, estradiexeticamente, na parte traseira da caixa do xogo).

Desta vez comecei pola torre de auga pero troquei á de lume cando pensei que precisaba o anel de levitación, inda que logo resultou que non, senón que había que desacelerar o disparo. A de lume supereina do tirón e derrotei ao meu primeiro dragón. O segundo, o de ar, foi algo máis complicado, pero a partir de aí xa os tiña dominados e non me deron máis problemas até o derradeiro. Confesarei que nese momento aproveitei a funcionalidade de gardar o estado actual no emulador para experimentar os diferentes finais. Resultaron interesantes, pero como pouco aprendín que sempre hai que responder non ás preguntas finais dos xogos desta época, coma no Streets of Rage.

Quedeime sen espazo para falar profundamente desta experiencia, pero tampouco foi tan revolucionaria nin teño ganas de espallala nunha segunda entrada. Aproveitaron ben as particularidades do xogo básico para deseñar niveis que puxeran a proba aos xogadores, como ver se manexan ben os teletransportadores con todos os casos extremos. Con todo, duroume case sete horas a aventura, inda que non atopei todos os segredos. Foi un viaxe nostálxico interesante que non se trasladou tan ben a unha pequena incursión no modo orixinal, xa que tiña pensado exploralo un pouco logo do modo aventura pero, tras unha única partida, comprobei que non era o meu. Sería interesante polo menos se nos xuntásemos os tres do club do sofá outra vez, pero dubido moito que iso suceda.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.