<<

Unchained Blades. Capítulo 4, un pequeno gran desexo

A primeira metade deste cuarto capítulo do Unchained Blades foi moi dura. Ao comezo non me afixen ao retorno do cuarteto orixinal, tardei en completar as buscas do anterior capítulo, avancei lentamente logo de incorporar novos membros ao grupo e, o máis terríbel, tiven a peor xaqueca do que vai de ano após tentar avanzar un pouco unha mañá dun sábado. Despois diso conseguín, nos dous días seguintes, asentar ben o fato, rematar coas buscas e esnaquizar ao titán-elefante deste capítulo no primeiro encontro, en boa parte porque os meus personaxes atopábanse nun nivel moi alto por tanto deambular intentar achar os materiais e inimigos precisos para satisfacer esas buscas que me encargaban dende as aldeas.

Esas misións son das típicas aburridas de “levar catro garras de certo monstro” (que inda que teña catro patas ten unha media de 0.1 garras por pata, no mellor caso), explorar o X% dun nivel específico ou apañar algún ingrediente raro dalgún recuncho do mundo. Neste capítulo apareceron tamén algunhas máis interesantes nas que hai que volver a un alxube anterior e cumprir certo requisito, coa novidade de que inclúen un diálogo cunha certa muller misteriosa e interesante ao mesmo tempo. Supoño que aprenderemos máis dela a medida que aparezan máis das súas misións e, quero crer, outorgaranos algunha recompensa que pague a pena, inda que simplemente as liñas de diálogo xa dan valor por si mesmas neste xogo. Agardo que aparezan máis buscas deste tipo porque a principal razón pola que completo as outras é puramente externa, por aproveitar ben todas as posibilidades do xogo no lugar de superalo o antes posíbel. Os obxectos ou cartos que nos dan normalmente non soen compensar o traballo.

Unha vez que se xuntaron os grupos dos episodios un e dous tiven que decidir un cuarteto titular, xa pensando no final porque non conto con novas incorporacións, xiros nin ningunha necesidade particular de bailar esa selección tendo en conta que os que fican fóra non gañan puntos de experiencia. A miña idea orixinal consistía en facelo totalmente feminino, pero a nena-boneca-mandrágora non me entusiasmaba moito, á pícara-raposa non lle escollín ben as habilidades e non me parecía ben deixar fóra da elección ao principal protagonista, que coincide co atacante físico máis forte. O plan para avanzar polos alxubes consiste entón en deixar que Gonte e Leixa ataquen coas súas armas corpo a corpo gardando os puntos de maxia para facer curas entre loitas; namentres, na segunda liña, teño a Silvela e Nodar coa posibilidade máxica de facer dano en área para despachar eses grupos perigosos. A favor deste xogo podo dicir que empregar feitizos nas loitas ao chou non é nin tan desperdicio nin tan inútil coma noutros moitos xogos do mesmo xénero.

No canto do modo exploración non houbo moitas sorpresas. Retornamos ao alxube do capítulo anterior, inda que por unha nova entrada, e a principal novidade do mesmo foron unhas seccións que hai que percorrer a escuras. Afortunadamente, o mapa automático continúa funcionando normalmente e aparecendo no medio da pantalla, o que pon de manifesto o pouco útil da visión tridimensional principal, polo menos para os que exploramos todas as casas posíbeis. Seguramente sexa unha mágoa que non xuntasen esta característica cun apagado do mapa e/ou as baldosas pezoñentas dos outros andares, xa que aí si que sería interesante para exploralo con cuidado e a escuridade influiría un pouco ao non poder planear tan ben os seguintes pasos.

A narrativa segue a estar centrada nos protagonistas e só avanza cando aprendemos dos mesmos. Neste caso o desexo obtido por vencer ao terceiro titán ficou sen ser empregado coma tal, xa que ambas peticións feitas non puideron ser concedidas porque eran cousas do corazón que xa se cumprían. Por tanto, os verdadeiros milagres da deusa non trocaron o mundo para que encaixase cos desexos do peticionario, senón que lles deron os coñecementos precisos para que saiba que a súa cobiza era en van e que poderían ter alcanzado a súa felicidade moito antes cun pouco de introspección. Mais tamén é certo que o longo camiño até o altar foi exactamente o que provocou que ese desexo se cumprira sen necesidade de ningunha divindade.

  • Tempo de xogo: 49 horas.
  • Nivel medio dos personaxes titulares: 60.
  • Personaxes manexados: 8.
  • Personaxes femininos: 5.