<<

Unchained Blades. Capítulo 5, os lumes da guerra

O titán deste capítulo era un aguia, e a verdade é que o superei aparentemente moi rápido, pasóuseme voando. O alxube non era moi complicado, mais tiven que explorar a primeira planta na súa totalidade para atopar todas as trampas-buratos no chan, xa que é preciso baixar por elas para poder acceder a todas as seccións do soto. As outras baldosas novas son unhas areas movedizas que, ao pisalas, desprazan a todo o grupo nun voo até o final do seu traxecto. Aquí teño que dar as grazas ao mapa automático, xa que marcar todos eses camiños nun papel non sería tan sinxelo a non ser que teñamos bo ollo para contar o número de casas percorridas, o que quizais sexa máis do que agardaba ao procurar un xogo do estilo á usanza da vella escola. Agora investiguei un pouco e xa sei algunhas das falcatruadas que me agardan se decidir ir a esas orixes, pero primeiro haberá que terminar este Unchained Blades!

Nos combates non tiven moitos problemas seguindo coas mesmas tácticas do capítulo anterior. Si que notei, principalmente nos dous andares da arca, que a maxia grupal eléctrica que emprego con ambas magas comeza a quedarse bastante atrás. Gañei unha morea de experiencia, polo que puiden desbloquear habilidades máis poderosas para cando equipe a todos os personaxes con seguidores axeitados. Actualmente o meu plan cos mesmos consistía en equipar aqueles máis fortes sen preocuparme moito polas habilidades enlazadas, trocándoos por outros novos unha vez que chegan ao seu nivel máximo. Isto foi abondo para superar todas as batallas de xuízo sen problema ningún, e apañar polo camiño bastantes “animas” básicas para, máis adiante, personalizar aos seguidores máis poderosos. Coido que, para o seguinte capítulo, debería reformularme a estratexia e activar as habilidades importantes para loitar dunha maneira máis eficiente.

Tamén no seguinte capítulo terei que volver atrás, de novo á aguia, para completar algunhas buscas que me quedaron pendentes alí. Hai outras que xa nin aceptei porque consisten en subir a Ludrio e Nigoi até o nivel 48, e son dous membros do grupo estendido que non teño maior interese en empregar, inda que a raposa podería serme útil agora mesma coas súas pasivas para aumentar as posibilidades de atopar as materias primas raras pedidas por algunhas das misións. Secasí xa me imaxino que meter a unha personaxe dun nivel tan baixo no alxube causará máis problemas ca beneficios ao ser unha vítima fatal de moitos dos ataques que poderían ir contra ela. Case mellor seguirei co meu cuarteto titular a non ser que esixencias explícitas da aventura desfaga esta estratexia.

Non obstante, non importa que membros levemos no grupo que a narrativa asumirá que viaxan todos xuntos e participan da aventura en cada intre. Logo de saber que a aguia era o último titán do mundo houbo certo conflito entre os protagonistas. Ao final Nigoi, que sen sabelo tamén viu cumprido o seu desexo de sabedoría durante o transcorrer da epopea, atopou a solución pedindo acceso aos dominios da deusa Clunea. O obxectivo do seguinte (e quizais último) capítulo será chegar até ela para obrigarlle a satisfacer todas as demandas do grupo. O plan non é malo pero xa veremos como sae!

Por moito que me estea a gustar este videoxogo, fáiseme complicado recomendalo. Non só o seu ritmo lento, no que as horas pasan sen sequera explorar moito do alxube, non é para todo o mundo, senón que certas representacións femininas supersexualizadas xa non son nin para min. O máis vergoñento neste tramo foron un par de mencións innecesarias ao xogador coma se fose un lolicon. Certo é que foron nunha pretendida clave de humor, pero non sei que necesidade hai de mesturar de cando en vez todas esas cousas cun xogo baseado en explorar alxubes e loitar contra monstros. Seguirei facendo das tripas corazón até o seguinte capítulo.

  • Tempo de xogo: 41 horas.
  • Nivel medio dos personaxes titulares: 49.5.
  • Personaxes manexados: 8.
  • Personaxes femininos: 5.