Astérix and the Secret Mission

Deume por investigar e xogar un pouco a eses videoxogos da Master System aos que lles adicara tantas horas de cativo. Grazas a unhas circunstancias que non veñen a conto, pasaron bastantes xogos emprestados pola miña consola, polo que hai moitos aos que non puiden xogar máis dunha semana e os meus recordos dos mesmos non pasan dun par de escenas soltas. Esta revisión deses clásicos confirmou que moitos dos que non me convencían por aquel entón non eran especialmente interesantes, e os que si eran os meus preferidos semella que soportan algo mellor o paso do tempo. Ou pode que eu non sexa tan obxectivo e/ou sexa cosa da nostalxia. Para este Astérix and the Secret Mission non posuía lembranzas nin nada malas nin especialmente boas, e o resultado foi tamén reguleiro.

Neste videoxogo baseado nos traballos de Goscinny e Uderzo somos os encargados de manexar a Astérix e Obélix para apañar os ingredientes precisos para facer máis poción máxica, xa que hai un catarro que está a causar estragos pola aldea gala (de cativo, vendo o mapa do cómic, eu sempre pensaba que esa aldea gala do curruncho era Galiza pero chamada de outra maneira). Percorreremos entón un total de sete mundos podendo escoller a calquera dos dous protagonistas en cada nivel, cada un cos seus cadanseus camiños e desafíos. Para superalos non só haberá que saltar plataformas e golpear aos tolos romanos, senón que tamén haberá que solucionar algúns crebacabezas entre medias. As dificultades dos mesmos van dende a nula de empurrar un bloque até un curruncho, até a totalmente infernal de adiviñar que hai que percorrer unha pantalla sen matar a ningún inimigo, sen ter absolutamente ningunha indicación de que iso pode ser preciso.

Na miña segunda partida deste século, e logo de andar en círculos por todo o templo romano, tiven que procurar a solución en internet de como obter a flor agochada neste nivel. O de non golpear a ningún inimigo non se me pasou en ningún momento pola miña mente, ben poderían ter posto polo menos unha pequena pista no manual. Unha vez vista a explicación a execución non era tan complicada coma outras seccións que tiven que superar antes, especialmente as do mundo xélido. Alí hai algúns brincos bastante complicados (de feito rematou a miña primeira partida no máis infame de todo o escenario), unha sección a escuras a non ser que saibas o truquiño (eu non o sabía) e un labirinto de xeo sen moito risco pero moi confuso porque se mesturan as plataformas polas que pode andar Astérix coas que forman parte do segundo plano. Coma aquela estrela do Mario 64, pero en dúas dimensións non funciona tan ben.

Outro par de cousiñas que semellan ser parte de moitos xogos da plataforma e que non me convenceron foron todas as ralentizacións continuas cando hai moitas cousas na pantalla e que dous botóns non dan para moito. Neste caso o primeiro botón fai as veces de ataque e de premer-para-correr, algo que non é ideal de todo pero que non chega á incomodidade doutros xogos nos que, por exemplo, hai que premer ambos botóns ao mesmo tempo para facer algo tan habitual coma pode ser dar un salto. Grazas ás novas tecnoloxías tampouco tiven que levantarme a toda présa cando quería poñer o xogo en pausa, outra das críticas lóxicas á consola que xa manteño dende aqueles cándidos anos.

Con todo, a experiencia foi entretida e tiven visións nostálxicas ao atoparme co protagonista surfeando ou loitando contra o xefe do barco romano que se converte nun tornado. Parte da graza é que conseguín superar todo o xogo no segundo tento, inda que fora abusando de que os contedores con vidas extras rexenéranse cada vez que desaparecen da pantalla. Non lembro se sabía este truquiño nos meus tempos mozos pero o que teño ben claro é que nunca chegara ao xefe final, e case seguro que tampouco pasei a parte de non matar a ningún inimigo nin de casualidade. Coido que con isto foi suficiente polo de agora, xa veremos se dentro de outros vinte e cinco anos teño ganas de repetir a aventura!

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.