Out Run

A principios dos anos noventa, por algún motivo que agora non son capaz de precisar, gustábame especialmente o Ferrari Testarrossa (a dobre r era invención miña). Tiña un par de modelos de metal cos que facía carreiras polo corredor da casa, antes de gardalos no seu aparcadoiro de plástico, un deses con varios andares comunicados por ramplas. Non é raro entón que nas maquiniñas tendese tamén ao Out Run, onde podiamos conducir un case-Ferrari a toda velocidade levando a unha muller coma copilota. A miña nai facía ás veces desa copilota, metendo os cinco pesos de gasolina, sentando ao meu carón durante o traxecto e rifándome cando esnafraba por non ter freado a tempo. Iso cando non era ela a que manexaba os pedais, cun final máis ou menos semellante.

Non obstante, non foi a nostalxia o que me levou a xogar á versión desmellorada do Out Run para a Sega Master System: foi unha listaxe de xogos desa consola que destacaba algúns coma sinxelos de rematar. Co gallo de aumentar o meu currículo lúdico con pouco esforzo arranquei o Criminal Special Investigations, outra adaptación simplificada dun éxito das recreativas, e o Enduro Racer, un xogo no que levamos unha moto por cinco contornas variadas que remata cunha mensaxe que mestura deportes de motor, videoxogos e sensación de liberdade. Este segundo deseño é moito máis interesante ca o primeiro, pero ambos son fáciles abondo coma para que os lograse superar no meu primeirísimo tento. O seguinte da lista xa era o Out Run, pero a experiencia foi bastante diferente e más esixente.

Logo dunha primeira serie de partidas sen moito éxito, tiven que, a falta do manual de instrucións, tirar de internet para aprender ben a trocar de marchas. Neste videoxogo o coche ten dúas marchas: unha baixa e unha alta. A primeira chega até os 180 km/h e a outra frea un pouco antes dos 300 km/h. Segundo a miña experiencia de condución videoxoguil, o máis eficiente debería ser alongar ao máximo o incremento de velocidade na marcha baixa e trocar á alta o máis tarde posible. Mais esa lóxica non se aplica no Out Run, xa que ese modus operandi causará unha escorregada no coche vermello, conxelando a súa acelerando durante uns segundos. O que resulta óptimo é facer o troco entre os 120 e os 180 km/h, xa que aí non se notará ningún efecto negativo e o Pseudoferrari poderá chegar rapidamente á súa velocidade máxima.

Ademais das curvas das estradas e eses valados contra os que tantas veces estampei, tamén teremos que esquivar a outros coches que viaxan a unhas velocidades bastante elevadas, inda que por sorte todos o fan no mesmo sentido da condución. Isto é do máis complicado para acceder a vitoria, especialmente cando coinciden cun cambio de rasante e non temos marxe para manobrar. A mellor estratexia é tomalo con calma e empregar sen medo o botón de frear, xa que é moito peor un choque ca ter reducido a velocidade un pouco unha ducia de veces. É unha loita en boa parte psicolóxica, xa que moitas veces forcei o xustiño nunha curva para rematar envorcando, por moito que o meu cerebro optimista pensase que libraría. Menos mal que non conduzo na realidade!

Para acadar a vitoria intentei especializarme na ruta que comeza polo primeiro desvío á esquerda. Tiña os dous primeiros escenarios controlados e só precisaba non facer moito o paspán nos seguintes. Pero logo dunha vintena (ou por aí) de tentos, decidín coller o primeiro desvío á dereita e, improvisando o resto, conseguín chegar até a meta con case dous segundos de marxe! Non o fixen moi ben nos últimos tramos, pero semella que levaba un colchón de tempo abondo para compensalo. Finalmente acadei a vitoria e esa loura que me acompañou durante tantas viaxes quedou co trofeo. Agardo que lle luza ben na súa vitrina porque a min xa me chega con ter completado este supostamente doado videoxogo da Master System.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.