Cat Quest

Nestes momentos estou a ler De que falo cando falo de escribir de Haruki Murakami. Un dos consellos que dá para futuros escritores é o clásico de ler moito e variado. Supoño que o mesmo se poderá aplicar ao deseño de xogos, polo que podo autoenganarme dicindo que estou a aprender para algún día completar algúns dos meus prototipos ou notiñas nun xogo completo. Un dos meus graais consiste en facer unha experiencia con reminiscencias ás loitas contra xefes do World of Warcraft, onde o único xogador manexará tres personaxes ao mesmo tempo e terá que coordinalos para vencer a un poderoso inimigo. Teño varias ideas para as mecánicas de movemento, habilidades e intelixencia dos inimigos, pero pode que este Cat Quest que xoguei no meu Android engada algunha nova. E se Murakami triunfou a partir dos trinta anos, non vexo por que non podería facelo eu antes dos corenta.

O Cat Quest mestura elementos de rol con acción en tempo real, un pouco nun estilo Diablo simplificado. Supoño que haberá bastantes cousas que eu vin aquí por vez primeira pero que xa apareceron noutros deseños para pantallas táctiles, mais todos os xogos para móbiles do estilo que coñezo de ouvidas son adaptacións de xogos de ordenador, coma o Titan Quest, ou outros orixinais con “compras na aplicación” aos que prefiro non achegarme. O movemento do gatiño protagonista funciona simplemente premendo un punto na pantalla, e se resulta coincidir cun inimigo o gato comezará a atacalo automaticamente; xa se sabe que o gato saca as unllas, cando as ha mester. Os inimigos, pola súa banda, tirarán de telegrafía para sinalar no chan as áreas nas que atacaran chegado o momento. É un sistema sinxelo que funciona ben e que non me importaría tomar emprestado para o graal que comentei no parágrafo anterior.

A misión principal segue a aventura do felino protagonista na procura da súa irmá, secuestrada por un malvado e poderoso feiticeiro capaz de convocar aos mitolóxicos dragóns. Por sorte, o noso avatar demostrar ser un auténtico sanguedragón, pertencente a esa dinastía capaz de defender o mundo das forzas das serpes voadoras. Tamén é certo que non perde forzas pola boca, xa que é silente dente o noso punto de vista e deixa que sexa o seu Navi/Yomi particular o que leve a voz e o guíe para completar as misións. Este, ao igual ca o resto de habitantes do mundo, falará no miaudioma oficial purrfectamente, independentemente de que se atopen na gatpital ou nun orrservatorio nos alfoces. No comezo chocábame un pouco, pero agora coido que a tradución ao castelán non saíu tan mal. Curiosamente os gatos dos libros de Murakami falan bastante máis críptico inda que empreguen palabras normais.

A idea principal do xogo e ir alternando as misións principais con outras secundarias ou incursións ao chou para gañar máis experiencia, ouro e equipamento. A maxia apréndese e mellórase directamente con ouro, moeda que tamén serve para mercar equipamento. Estas armas, e os tres tipos de armaduras, outorgan un punto de variación que contrasta coa rixidez do sistema de niveis de experiencia, que simplemente incrementa os números de vida, ataque e maxia. Se comprendín ben o sistema, o número de equipamentos diferentes que podemos atopar é limitado, pero existe a posibilidade de que en lugar de obter unha peza nova se mellore algunha das que xa tiñamos no inventario. Desta maneira evítase ter que manexar unha morea de obxectos e tamén que algúns fiquen desfasados moi cedo. Outro punto positivo para unha mecánica que nunca vira con estas condicións.

Só tiven dificultades na loita importante contra o xefe final por dous motivos: existen uns muros invisíbeis nesa batalla que me frearon de súpeto varias veces con consecuencias mortais, e diría que na interface móbil é moito máis complicado facer unha manobra de entrar-golpear-fuxir polo flanco dereito, se cadra algún erro no cálculo da distancia na rutina de ataque. Mais, con todo, foi un bo entretemento nunha plataforma na que non estou afeito a xogar a xogos con acción en tempo real. Ao finalizalo desbloqueouse un novo modo que permite volver a comezar con certas restricións; quizais podería probalo noutra plataforma con outros controis, pero no móbil ben que me chegou. Nese momento quizáis tamén escolla outro libro de Murakami, preferibelmente con gatos falangueiros, que xa os boto en falla.

Deixa unha resposta

Agradécense todos os comentarios, por moi vella que sexa a entrada. Todos os campos son opcionais e non se garda absolutamente ningunha información persoal a maiores, nin sequera a vosa IP.