<<

Castlevania: Circle of the Moon

Pode que algunha vez dixera que os Castlevanias forman unha das miñas sagas de videoxogos preferidas, pero a verdade é que, agás o Rondo of Blood, dos que máis gocei foron aqueles con compoñentes de rol e que asentaron o seu novo estilo. Teño unha partida a medias no Bloodlines da Mega Drive, cunha dificultade tan elevada que inda non paso da terceira pantalla desta entrega de curte clásico, polo que decidín poñerlle freo e rexogar o Circle of the Moon da Game Boy Advance. Segundo os meus recordos, non tiña moita dificultade nin cousas raras, polo que semellaba unha boa contraposición ao Bloodlines que ficará para máis adiante. Mais claramente infravalorei o complicado do asunto e non tardei en decatarme, xa que me apañei para morrer antes de chegar ao primeirísimo punto de gardado.

Tamén é certo que nesta nova (no seu momento) escola de Castlevanias é difícil non sacar progreso dunha sesión de xogo, xa que sempre poderemos volver a un punto de gardado anterior e recuperar a vida logo de explorar un pouco máis o castelo, apañando algúns puntos de experiencia ou novos obxectos polo camiño. Mais iso non me librou de finar moitas outras veces por arriscar buscando a seguinte habitación segura, por non poder volver á anterior sen recibir moito dano ou por non poder sobrevivir contra algún dos xefes intermedios. Estes inimigos son os que bloquean o acceso ás novas habilidades para acceder ás seguintes áreas, e non son nada sinxelos. Tiven que repetir a meirande parte desas loitas porque golpeaban bastante duro e tiñan unha cantidade absurda de puntos de vida. Unha vez até morrín logo dea loita, tentando volver ao punto de gardado case sen vida.

Un problema de moitas desas loitas, ao igual que nas versións clásicas, é que son máis doadas se temos a arma arroxadiza axeitada, e o instrumento máis axeitado para ese fin case sempre é o búmerang-crucifixo. Facendo unha chiscadela ás entregas orixinais, as armas arroxadizas, e a súa munición en forma de corazóns, caen dos candís espallados polo castelo de Carmilla. Só podemos levar un tipo de arma secundaria connosco e, por tanto, é substituído cando adquirimos outro, inda que temos uns intres para recuperar o anterior. Eu non apuntei onde aparecían os búmerangs polo que, cada vez que o trocaba por outra menos eficiente, pensaba que quizais non sería mala idea repensar esta mecánica para que non sexa tan frustrante. Sen facer cambios moi importantes, ocórreseme baixar un pouco o poder do crucifixo ou ofrecer todos os tipos de armas antes de cada subxefe.

Con todo, e non podería ter sido doutra maneira, acadei a loita final contra Drácula coa cruz no peto. Mallou ben en min, polo que decidín pasear un pouco e explorar esas zonas que quedaban escuras no mapa. Volvín mellor equipado e con nivel 45, pero non houbo maneira: o ataque de carga facíame moito dano e non podía esquivalo. Busquei en internet, por se me estaba a perder algo, e a maior parte das respostas dicían que non era para tanto, que ao nivel 75, empregando maxias que eu nin sabía que existían nin como conseguilas, era moi doado. O único que saquei en claro foi que a carga da forma semifinal do vampiro hai que evadila co superbrinco e, tras algúns erros, fun capaz de non ser golpeado por ela en ningunha das preto de cen veces que a empregou na derradeira loita. Sen esaxerar. Logo era cousa de non ser escornado polos morcegos e facerlle dano ao esquivo ollo voador que conformaba a forma final.

E, desta maneira, conseguín que Nathan Graves salvase ao mundo, polo menos até a próxima invocación. Un Nathan Graves que pasa por ser un dos protagonistas menos carismáticos de toda a saga. Tampouco axuda que non teña nada que ver cos Belmont, e que logo fora reescrita a historia para quitarlle a vitoria desde don Ninguén sobre o Señor da Escuridade. Como se todas as tramas do resto de Castlevanias encaixasen perfectamente sen esta…