<<

A Normal Lost Phone e Another Lost Phone: Laura’s Story

Continuo sacándolle rendabilidade á colección que sacou itch.io en prol da xustiza racial, esta vez cun par de videoxogos para Android que simulan un teléfono perdido e atopado polos xogadores: A Normal Lost Phone e Another Lost Phone: Laura’s Story. A particularidade de ambos é que a interface finxe totalmente un sistema operativo móbil, coas súas aplicacións clásicas que poderemos empregar para aprender sobre o dono do teléfono, supoño que co obxectivo de devolverllo. Mais se aceptamos cometer esa gran invasión da privacidade dunha persoa descoñecida, pronto nos atoparemos lendo todas as súas mensaxes en enredados nas leas da súa vida virtual.

Co gallo de ter a mellor experiencia posíbel comezamos polo máis moderno, o que conta a historia de Laura, unha muller que deixou o seu móbil esquecido e sen padrón de bloqueo. Xogándoo en parella, e no tempo dunha película, estivemos somerxidos nas mensaxes desa tal Laura, chegando a coñecela máis ca a moitos amigos reais. Todo comeza con algunhas mensaxes do seu mozo, que é o último que intentou contactar con ela e que se amosa preocupado por non obter resposta. A opción obvia sería contestarlle ou chamalo de volta dicindo que atopamos o teléfono e que non se preocupe, pero o móbil non ten saldo e non existe unha axenda para extraer números alleos. Pouco a pouco avanzamos no noso coñecemento do pasado de Laura en base aos seus SMS, obtendo tamén algunhas pistas para acceder a outras aplicacións.

A mecánica principal consiste en investigar as conversas da protagonista a través dos diversos programas instalados no teléfono, atopando pistas para desbloquear o acceso a novas vías de coñecemento. Isto normalmente toma a forma dun contrasinal ou outro dato concreto que temos que derivar para abrir unha nova porta. Eses crebacabezas, que podemos contar cos dedos dunha man, son a única diferenza entre este deseño e unha novela de lectura un pouco libre. O xogo nin sequera deixa nada ao chou, polo que é posíbel comezar unha nova partida, activar directamente o GPS e enviar a posición do móbil ao ex-mozo de Laura, chegando aos créditos finais case inmediatamente.

O xiro de que o mozo era un maltratador viuse vir case dende o comezo, pero non por elo perde forza, xa que ademais a conclusión é moito máis alegre do que nós supoñíamos. Falando logo de rematalo, pensamos que pode ser máis interesante para un público xove, se cadra nun ambiente educativo coma poder ser un instituto, repartindo as mensaxes en grupiños e deixando que intercambien información nas súas propias palabras, co mesmo fin de achar a verdade. Supoño que o mesmo se podería facer co A Normal Lost Phone, o orixinal desta pequena saga; mais ese xogueino en solitario polo que non puiden comparar apreciacións. Non obstante, non ten tanto impacto coma a historia de Laura e, desgraciadamente, poder se máis difícil para moitos simpatizar da mesma maneira con Sam.

Neste caso atopamos o móbil desta persoa que acompañaremos, a través das súas notas e mensaxes en diversas plataformas, nos complicados momentos en torno a seu décimo oitavo aniversario mentres avanza na súa propia sexualidade. A idea é boa, mais a execución adoece de moitos temas que melloraron na secuela: non é boa idea facerse pasar por ninguén, o xogador non ten un impacto positivo na protagonista e, por tanto, o final non resulta tan satisfactorio por moito que nos aledemos polo que sucedeu. Nótase ben que aprenderon da experiencia e que non tiveron tanta présa en montar o segundo. Mais, con todo, ambas experiencias foron ben interesantes, e o único que me arrepinto delas e non ter xogado ambas con compañía, pero agora xa é moi tarde para iso. Ademais, algún día teremos que seguir co Day of the Tentacle que temos a medias dende hai varios meses!