Dead Cells. Capítulo 2
Rematei a anterior entrada dicindo que, quizais, podería volver a este Dead Cells para avanzar un pouco máis. Ese sentimento aflorou máis que nada no momento de escribir, xa que cando apaguei o xogo estaba bastante seguro de que era abondo. Pero, dende entón, as miñas ganas de posuír outro corpo a lanzalo a unha nova aventura aumentaron. Nas poucas partidas da sesión anterior sempre aprendín algo novo en cada unha, ao mesmo que tempo que desbloqueaba algunhas melloras para as incursións futuras, polo que estaba lonxe de ficar atrancado. E, a pesar do que escribín no artigo anterior, o núcleo lúdico é divertido e funciona ben.
Para a primeira partida logo de parar atopei un oquiño temporal antes da cea. Esta vez escollín xogar con calma, explorando totalmente un escenario antes de pasar ao seguinte, o cal é moi beneficioso porque maximiza o número de pergamiños obtidos, o que equivale a subir de nivel. Cada vez que atopamos un, teremos que escoller entre brutalidade, táctica ou supervivencia, o cal mellora as habilidades e armas asociadas con esas esferas. Polo xeral semella que o máis intelixente é especializarse nunha das tres cores e acumular aí os puntos. Pero o deseño minimiza os puntos de vida gañados a medida que incrementamos o nivel de cada especialidade, polo que tamén favorece un pouco un reparto equilibrado.
Nesta partida antes de cear fun pola rama de supervivencia, cunha gran espada a xogo que daba boa conta dos inimigos. O plan de xogar con calma foi bastante ben e conseguín vence á xefa da torre do reloxo, sendo esta a primeira vez que cheguei até ela. A verdade é que non foi nada complicado, xa que a mantiven conxelada boa parte do encontro e facíalle moito máis dano eu a ela do que me facía ela a min en cada intercambio. O problema viu cando comecei o escenario do castelo. A hora da cea estaba preto, o meu bandullo bruaba, non sabía se a partida se gardaba en calquera momento [si, gárdase] e quería rematar coa incursión canto antes. As présas pasáronme factura e finei nunha das loitas requiridas para obter unha chave, moi pretiño do final. O reloxo do tempo de acción marcaba 46 minutos. Debía levar unha hora xogando e agora tocaba cear.
Un par de días máis tarde, coa axenda libre e o ventrullo cheo, tocaba resarcirse. Volvín a intentar a mesma estratexia de explorar con calma para maximizar os pergamiños achados e minimizar erros de panoco. Fun polo camiño da brutalidade cunha arma xigante que facía dano adicional ao inimigos conxelados, un estado que acada de forma fácil coas armas secundarias e unha maxia de xeo. Superei sen problemas os primeiros ambientes e tamén o nivel do castelo no que perdín na quenda anterior. Resultou que a seguinte fase xa era a pelexa final! Esta non foi doada de todo e cometín moitos erros, pero vencín ao rival e conseguín ver os créditos por primeira vez logo de dez partidas en catro horas e media.
Obviamente inda hai moito xogo por diante no caso de que queira continuar co mesmo. Hai algunhas zonas ás que non podo acceder porque non sei/non podo facer saltos contra as paredes ou romper o chan para acceder a andares inferiores. Asemade desbloqueouse unha nova dificultade para facer outra volta máis esixente, e non será a única porque deixa ben claro que hai algo novo cando o fagamos outras catro veces. Non teño pensado facer ese exercicio, da mesma maneira que, logo de case cen horas no Slay the Spire, non teño pensado avanzar no complicado modo de “ascensión”. Pero xa non me atrevo a prometer nada porque mañá será outro día e quen sabe a que rematarei xogando!