<<

Fiasco. España va bien

Se non contamos a experiencia do Gentleman Bandit, levaba máis de dez anos sen participar coma xogador nunha partida de rol! Non foi até este novembro cando atopei a boa xentiña da canle de Discord de Galicia Rolera e rematei leado para xogar unha partida de Fiasco. Coñecía de ouvidas as ideas do sistema pero non tiña nin idea do ton nin de como funcionaba. Prometéronme que non era preciso aprender as regras e podo dar fe de que realmente non facía falla, pero o que penso que botei de menos do libro foron os exemplos de como establecer unha escena e outros consellos para manter a acción en movemento, xa que as simples mecánicas non derivan necesariamente a experiencia desexada. Con todo, máis importante é ser capaz de improvisar ben, darlle ritmo á partida e ser ocorrente cos escenarios; puntos todos que non son do meu forte, pero algo conseguimos apañar entre os catro.

Para o meu reencontro coma xogador tocoume o escenario de España va bien, que pon o punto de vista na política española, con todas esas situacións ás que xa estamos acostumados e que serían graciosas se non foran tan certas. No caso da nosa partida tivemos unha amalgama de postos e partidos dende un punto de vista un pouco abstracto, xa que só saíron siglas un par de veces e realmente non nos pareceu nada importante as asociacións inicias de cada un. Ao final cada un dos catro políticos tiña unha personalidade ben marcada e o transfuguismo non é máis ca outro recurso para ascender. Desta maneira contamos parte da vida política (e morte literal tamén) de Marcos Mato (un apelido moi apropiado), Julián Trujillo, Encarna Arévalo e Díaz Obtuso, este último interpretado por min mesmo.

As tramas que saíron foron variadas. Comezaron con Encarna abusando do seu poder sobre Julián, pedíndolle un peido en directo a cambio de entrar na masonaría, unha sociedade secreta que terá logo maior importancia porque será un dos poucos lugares nos que coincidirán os catro protagonistas. Pola outra banda Díaz Obtuso e Marcos Mato discutiron en televisión sobre a recualificación dun cemiterio que o primeiro quería converter en calquera outra edificación máis rendíbel; polo que sexa esa medida non era moi popular e non lle trouxo máis que desgustos a Díaz, mentres que Marcos conseguiu o apoio popular de todo o país, especialmente de Albacete. Non obstante, todo o seu ben facer non lle serviría máis que obter un bo posto na masonería, xa que as metidas de zoca de Julián ao seu carón dinamitaron bastantes posibilidades.

No segundo acto as cousas volvéronse máis tolas. Na masonería Marcos Mato acoitelou a Julián Trujillo, gañándose unha sesión de polígrafo que actuaba directamente sobre as súas gónadas. Pobre Trujillo, semellaba unha mosca morta pero inda así atopábase involucrado en conspiracións internacionais. Pola súa banda Encarna Arévalo conseguiu o control do parlamento sendo efectivamente a dona do país con moito respaldo militar, policial e popular. O outrora esbirro Díaz Obtuso non lle quedou máis que aproveitar o tirón que tiña por levar as redes sociais de Lunares, o can da susodita, para unirse a PACMA e promover o slogan “un animal, un voto”. Foi tamén o único que saíu un pouco ben parado no epílogo xa que conseguiu o seu soño: un posto fixo en televisión, namentres que a súa anterior mestra viuse vítima dun salvaxe linchamento por levar unha fouce nunha reunión de esvásticas.

Non sei como de representativa foi a partida do sistema, especialmente tendo en conta que dous eramos novatos no mesmo, pero a min serviume coma unha boa introdución ao mesmo e agora teño unha ferramenta máis no meu arsenal por se toca organizar algo nun voo. Pensando nas miñas accións coma xogador podo identificar moitas ocasións nas que metín a zoca, fiquei paralizado sen saber que dicir ou simplemente non aportei escenas moi interesantes; mais son cousas habituais que se melloran coa práctica e coido que diso fáltame moito. Agardo que as risas que escoitei cando facía os meus ridículos discursos fagan máis sedimento ca eses momentos menos interesantes!