<<

Final Fantasy V. Capítulo 1

Cada vez que comezo un novo Final Fantasy sinto unha mestura de ilusión e preguiza pola aventura que comeza. Neste caso ese segundo sentimento é amplificado porque é a primeira vez que escollo unha versión case orixinal no lugar dunha revisión posterior. E digo “case” orixinal porque esta edición de comezo dos anos noventa nunca saíu de Xapón, polo que teño entre as mans unha tradución non oficial ao inglés para xogar nun emulador da Super Famicom. Isto significa que non terei á miña disposición algunhas melloras de xogabilidade ás que xa estaba acostumado, como poden ser o autocombate, trocar facilmente de personaxe dentro dos menús [nin idea do que me refería aquí] ou poder aumentar a velocidade de movemento libremente nos múltiples alxubes e cidades.

Esta última funcionalidade aquí está limitada a tipos de lugares específicos e, ademais, atópase restrinxida a ter un ladrón no grupo. Trátase dunha mecánica algo frustrante e que fixo que favorecese esa profesión por riba doutras, cando normalmente non é das miñas preferidas. Por sorte, a principal innovación desta entrega consiste en que poderemos levar unha habilidade dunha profesión xa adestrada a outra, polo que non obriga de todo a atarse ao ladrón para non perder esa habilidade de correr fóra dos combates. Iso si, agora que tamén teño a capacidade de roubar con esa protagonista, intento aproveitala. O único interesante que saquei con ela foi unha daga de mithril que inda non podía atopar nas tendas, pero non pagou a pena por tantas outras quendas perdidas sen efecto ou a costa dunha mísera poción de curación.

Polo de agora hai cartos a esgalla, e iso que non levo moitas pelexas. Puiden mercar todos os feitizos que me ofreceron, incluíndo algúns de profesións que non levo no grupo, as mellores armas, armaduras e máis que suficientes pocións para unha longa tempada no alxube que toque. Pola súa banda, as loitas polo de agora están sendo bastante doadas e non teño moito problema mentres me manteña na senda principal. Si que tiven algúns incidentes na cova de auga ao norte de Worus e tamén nos seus sotos: na primeira cheguei até a xefa no nivel máis elevado que me deu unha pequena tunda; e no segundo apañeime, logo de varios tentos, para levarme todo o tesouro escapando do poderoso monstro que alí se agochaba, normalmente tendo que revivir ao seu primeiro obxectivo de ataque tan pronto como fuxía da batalla. Coido que volverei a ambos lares non dentro de moito para consumar a vinganza.

A narrativa volve a centrarse nos cristais máxicos. Hoxe toca que se vaian rompendo un a un ao mesmo tempo que caen uns meteoros preto deles. Polo de agora só se viron afectados o cristal do ar, provocando que se parasen os ventos, e o de auga, afundindo parte do mundo. Ambos cristais eran explotados mediante máquinas por reinos que desexaban aproveitar a súa enerxía, sen ter en conta que levalos tan ao extremo podería ter consecuencias catastróficas non só para o seu reino senón tamén para todo o planeta. Non sei de que me soa iso. En fin, as tres horas de xogo que levo tamén deron para que apareceran outros tropos clásicos da saga ademais dos cristais: dragóns voadores, serpes mariñas, barcos piratas ou un grupo de heroes de diversas orixes.

Supoño que nos seguintes compases tamén chegaremos tarde para salvar aos outros dous cristais e coñeceremos ao malo que está tras de todo, inda que ao final seguramente resultará que non era máis ca un peón dun ente máis maligno e poderoso. Logo quizais poderemos crear un anaco de esperanza empregando os anaquiños dos antigos cristais ou algúns outros novos, descoñecidos na superficie do mundo. Máis ben vou deixar de esbardallar sobre o que podería ser e vou coller de novo a consola para experimentalo de primeira man. Segundo HowLongToBeat.com o xogo pode pasar das trinta horas, polo que inda queda moitísimo por diante! Imos aló!